Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Agnés Varda, a xente e máis o mar

Un momento da inauguración da exposición 'Variacións darredor do mar' no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA
Un momento da inauguración da exposición 'Variacións darredor do mar' no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA

O Pazo da Cultura acolleu este xoves a inauguración da mostra que reúne máis dun cento de fotografías e nove instalacións de vídeo realizadas entre os anos 50 e a actualidade

Viúvas de mariñeiros, patacas vellas, con ollos e forma de corazón, xente camiñando e as ondas do mar sobre unha praia creada para a ocasión no interior do Pazo da Cultura. Variacións darredor do mar, a exposición que recolle fotografías e vídeos da cineasta Agnés Varda, inaugurouse este xoves en Pontevedra tras dous anos de traballo da Universidade de Vigo en colaboración co Concello de Pontevedra. "Queremos ser socios preferentes no que se refire á dinamización da cultura na cidade", explicou o vicerreitor do Campus, Jorge Soto.

A mostra está composta por un cento de fotografías e nove instalacións de vídeo realizadas entre os anos 50 e a actualidade. "La gente que venga a ver la muestra se va a encontrar retratos de personas de Portugal o el Sur de Francia que le van a recordar a la gente de aquí", explicaba este xoves a comisaria da mostra, Julia Fabri.

O percorrido comeza con tres autorretratos da autora en tres momentos diferentes da súa vida. As imaxes foron tomadas nos anos 1949, 1969 e 2009. Ademais, no primeiro espazo a mostra recolle retratos de persoas camiñando en diversos puntos do mundo como China, Cuba ou Portugal. "Voluntariamente recollín persoas que estaban a camiñar, cando deron un paso. Non hai 50.000 xeitos de camiñar, sempre é o mesmo xesto. O divertido é atopar ese xesto en países ou circunstancias bastante diferentes", explica a autora nun dos murais da mostra.

Outro dos espazos acolle unha serie de imaxes de viúvas de mariñeiros fronte ao mar, todas vestidas de negro, arredor dunha mesa. Outra das salas expón unha serie de imaxes de patacas con forma de corazón. Mais o fío condutor de toda a mostra é o mar. "Sempre me atraeu, me fascinou e me inspirou. Nin deportes, nin tormentas, nin aventuras marítimas. Só a meditación tranquila na beira do mar, mínima e misteriosa", explica a autora na mostra, que estará dispoñible ata o 26 de agosto.

Varda é unha das pioneiras do cine feminista e foi a única muller directora que formou parte da Nouvelle Vague xunto a outros nomes do cine como François Truffaut ou Jean-Luc Godard. Conta con galardóns como o Oscar honorífico como recoñecemento a toda a súa carreira. Tamén recibiu premios como o León de Ouro do Festival de Venecia, o César de Honra e o Premio Donostia do Festival de San Sebastián.

Así, na inauguración deste xoves, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosouse contento de que a obra de Varda se expoña na cidade do Lérez e definiuna como unha mostra "que percorre a vida dunha gran figura do cinema e a fotografía europea e reivindica algúns dos grandes valores do noso tempo: a muller, o feminismo ou a relación íntima da paisaxe e a paisanaxe, das persoas e o planeta, pescudando a súa relación máis harmónica".

Agnés Varda, a xente e máis o mar
Comentarios