Ágora, o plan da Deputación para que as persoas recuperen o espazo público

O ente provincial repartirá máis de 2,4 millóns entre os concellos adheridos

Uxío Benítez, Carmela Silva e César Mosquera, na rolda de prensa deste mércores. DEPUTACIÓN
photo_camera Uxío Benítez, Carmela Silva e César Mosquera, na rolda de prensa deste mércores. DEPUTACIÓN

A Deputación de Pontevedra repartirá 2.435.100 euros entre os concellos adheridos ao seu Plan Ágora para recuperar espazo público para as persoas. Así o anunciaron este mércores en rolda de prensa a presidenta provincial, Carmela Silva; o vicepresidente, César Mosquera; e o deputado de Movilidad e Espazo Público, Uxío Benítez.

Ágora é unha rede de acción institucional impulsada pola Deputación de Pontevedra e da que forman parte 54 municipios da provincia que están comprometidos a fomentar mobilidades alternativas aos vehículos de motor e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía.

Na Xunta de Goberno do próximo venres aprobarase unha liña de axudas destinada a financiar proxectos e obras coas que gañar espazos peonís restándollos aos que ocupan os coches nos municipios da provincia.

As liñas de axudas estarán divididas en dous eixos: o primeiro estará destinado á redacción de proxectos, pola que os concellos poderán recibir ata o 90% do custo cun máximo de 50.000 euros; e o segundo eixo, destinado a obras, con ata o 20% do custo e un máximo de 100.000 euros.

Segundo explicou Benítez, "nun escenario de fondos europeos é preciso fomentar que os concellos teñan proxectos, que estean preparados".

En canto aos requisitos para optar a estas axudas, Benítez explicou que se concederán para actuacións completas, obrigando a un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50% con respecto ao existente na actualidade, e a que os espazos gañados para as persoas teñan unha superficie mínima de 300 metros cadrados.

Para valorar a contía das subvencións terase en conta a dispoñibilidade dun Plan de Movilidad Sostible no concello, os metros cadrados de espazo peonil gañados, a porcentaxe de incremento do espazo peonil, a poboación, a xustificación do proxecto en base aos Principios do Plan Ágora, e a calidade técnica, entre outros. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles a contar desde a súa publicación no Boppo, probablemente a semana próxima.

"CAPACIDADE TRANSFORMADORA". Carmela Silva aproveitou a ocasión para enxalzar a "capacidade transformadora" do equipo de goberno da Deputación que, en pouco máis de cinco anos, conseguiu "que o compromiso fixado no pacto de goberno para transformar a provincia de Pontevedra sexa unha realidade".

Pola súa banda, César Mosquera destacou que "isto vai ser un antes e un despois". "Vai acelerar as intervencións na provincia agora que xa hai unha cultura do espazo público", sentenciou.

Comentarios