Se no aire non queda amor, polo menos que queden as risas

O artista David Amor, coa súa función 'Love está en el aire', foi o encargado de protagonizar esta xornada de monólogos
David Amor, durante o seu monólogo. ANXO LORENZO
photo_camera David Amor, durante o seu monólogo. ANXO LORENZO

A xente sempre di, amparada na lóxica e -probablemente- aínda máis no autoconsolo, que todo final é o principio de algo novo. Neste caso, o remate do último show de David Amor, ese que o levou a gañar o premio do público no Festival Internacional de Teatro de Villanueva de la Serena, propiciou o nacemento dunha nova función. Nin sequera foi decisión propia: o galardón outorgado, xa fora en letra pequena ou en maiúsculas grandes, trouxo consigo a aceptación de presentar un novo espectáculo na seguinte edición do festival. Así naceu Love está en el aire, o monólogo que David Amor presentou na noite deste martes nas pistas de Campolongo.

A segunda xornada de Noites de Monólogos non chegou cun pan baixo o brazo, senón que o fixo con David Amor no centro do escenario. Un día máis, as cadeiras enchéronse coa facilidade coa que un pode cambiar de canle a través do mando a distancia. Un visto e non visto. E de iso, entre outras moitas cousas, foi o monólogo de Amor: de todo o que pasa polas brasas da parrilla televisiva.

Público no monólogo de David Amor. ANXO LORENZO
Público no monólogo de David Amor. ANXO LORENZO

O tema do monólogo, como explicou o protagonista, foi cuestión de lóxica: cando se lle instou a escribir unha nova función, pensou que non podería facelo porque ultimamente non facía máis que ver a tele. Así que, por que non, facelo sobre a propia tele.

Desta maneira, o artista de Salceda de Caselas compartiu as súas reflexións sobre os programas que atopan acomodo nela, mais tamén sobre os aeroportos e a paixón que sente por eles, as situacións que se dan entre ou en avións. E sobre outros temas dun caixón desastre que foi estruturado a través da propia risa. Porque é importante que o amor estea no aire, pero, no caso de que este non coincida na mesma ruta, polo menos que sempre queden as risas voando sobre o ambiente.