viernes. 03.04.2020 |
El tiempo
viernes. 03.04.2020
El tiempo

Por que a Alameda deixou de ser o Campo das Rodas?

Conchi Cochón na Rúa da Seca, unha denominación recuperada. DAVID FREIRE
Conchi Cochón na Rúa da Seca, unha denominación recuperada. DAVID FREIRE
Conchi Cochón intervén este sábado na IV Xornada de Onomástica Galega achegando datos dos nomes das rúas de Pontevedra. A cidade, que perdeu denominacións tradicionais como rúa do Borrón (hoxe avenida de Bos Aires) ou Poza das Rans (Michelena), ten 212 vías con nomes de homes e 26 con nomes de mulleres

A recuperación da toponimia tradicional, a visibilización das mulleres a través das homenaxes en espazos públicos e o cumprimento da Ley de la Memoria Histórica son algunhas das cuestións sobre as que a técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Conchi Cochón, reflexionará durante a súa intervención na IV Xornada de Onomástica, que a Real Academia Galega celebra este sábado en Pontevedra e que está adicada a 'Os nomes das rúas'. "Se non nomea os espazos públicos polos que nos movemos, a toponimia perde a súa razón de ser", explica Cochón, que lamenta a desaparición de denominacións tradicionais do rueiro pontevedrés como a do Campo das Rodas, a actual Alameda, ou a da Poza das Rans, hoxe rúa Michelena.

Por iso, un dos criterios do actual Goberno municipal á hora de bautizar ou rebautizar espazos públicos pasa por recuperar a toponimia tradicional. "Estas denominacións teñen un valor patrimonial enorme. Porque son os nomes que contan a nosa historia, de onde vimos, e gardan a memoria da nosa identidade e do noso territorio". Cochón descubriu no seu estudo, que a levou a revisar a denominación das vías públicas de Pontevedra dende os anos 80 e do que sairá o seu relatorio, que eses nomes tradicionais foron "suplantados" na maior parte dos casos por nomes de homes.

Entre as denominacións tradicionais dos espazos de Pontevedra que se perderon, a técnica de Normalización Lingüística atopou algunhas "moi interesantes, que contan moito de nós". "Entre elas poderiamos mencionar a da rúa do Borrón, sabendo que o Borrón era o espazo no que vivía o ser mítico desta cidade por excelencia, Urco. Estaba á beira do Lérez, nalgunha parte do que era a Xunqueira. É un lugar definitivamente moi importante na historia de Pontevedra. Pois ata 1911 existiu unha rúa que o lembraba e que hoxe desapareceu". É a actual avenida de Bos Aires. "Persoalmente, paréceme unha mágoa". Cochón menciona outros casos como o de Pedra do Lagarto, hoxe Pintor Laxeiro, ou o Camiño da Illa, actual rúa Martín Códax, e sinala que detrás destas substitucións, en moitos casos, se atopan prexuízos dunha urbe que ten présa por afastarse do seu pasado vinculado co mundo rural.

NOMES FRANQUISTAS

Ademais da recuperación da toponimia tradicional, o Concello segue outros dous criterios á hora de bautizar vías públicas: o da incorporación das mulleres ao rueiro e o da retirada de nomes franquistas.

Sobre o primeiro destes criterios, a diferenza entre homes e mulleres segue a ser abismal. "A meirande parte das rúas de Pontevedra teñen nome masculino. Son 212 fronte a 26, que o teñen feminino". Isto é así a pesar do compromiso do Concello coa incorporación de mulleres ao rueiro. En concreto, sete nos últimos anos. "Sen embargo, na Idade Media xa existían nomes de mulleres nas rúas de Pontevedra". É o caso de Dona Tareixa. "Máis alá disto, é importante constatar que en Pontevedra hai 238 rúas que homenaxean a persoas e só 134 que recuperan topónimos tradicionais. Outro dato a ter en conta".

Polo que se refire ao cumprimento da Ley de la Memoria Histórica, Pontevedra ten practicamente eliminado do seu rueiro as homenaxes franquistas. "A última en retirarse foi, o ano pasado, a do militar e ministro José María Fernández Ladreda, que foi substituído por María Victoria Moreno".

Protagonistas: Gonzalo Hermoso e Gonzalo Navaza abren os relatorios
A IV Xornada de Onomástica, da Real Academia Galega (RAG), conta coa coordinación de Ana Boullón e Luz Méndez. Terá lugar este sábado, ao longo de todo o día, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, e está dividida en catro sesións. O acceso é libre e gratuíto.

MEMORIA HISTÓRICA
Gonzalo Hermo e Gonzalo Navaza serán os encargados de abrir os relatorios, ás 10.00 horas, con 'a conformación dos nomes das rúas na idade Media'. Seguiraos, ás 12.00 horas, antonio Míguez Macho, con 'apropiación do espazo público e memoricidio: do golpe de 1936 ás políticas públicas da memoria'.

IES VALGA
A segunda sesión, que comezará ás 13.00 horas, analizará modelos de intervención didáctica relacionados coa toponimia. Trataranse os casos dos traballos que se realizan no IES ribadeo e no IES valga.

PONTEVEDRA, LALÍN E VIGO
Ás 16.15 horas comezará a terceira sesión. Consistirá nun coloquio titulado 'a salvagarda da toponimia tradicional fronte á hodonimia conmemorativa: a práctica da denominación das rúas nos espazos urbanos'. Trataranse os casos concretos de Pontevedra, Lalín, Vigo e A Coruña.

PROPOSTA
Finalmente, a xornada da RAG rematará cunha intervención de Gonzalo Navaza, ás 18.45 horas, ofrecendo unha 'Proposta para un modelo de denominación hodonímica'.

Por que a Alameda deixou de ser o Campo das Rodas?
Comentarios