Malcriadas e delinguadas. A opinión centennial en clave local é o título do relatorio co que a xornalista de Diario de Pontevedra Alba Moledo Ucha abriu este venres (12.30 horas, entrada libre) o VI Encontro As mulleres que opinan son perigosas, que regresa ás datas do mes de marzo e ao escenario do Teatro Principal (tras moverse a xuño e ao Museo de Pontevedra o ano pasado).
Moledo interviu xusto despois da inauguración oficial das xornadas, a cargo das dúas coordinadoras do evento, as xornalistas Susana Pedreira e Diana López Varela; da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Ao longo do venres e do sábado trece mulleres xornalistas analizarán distintos aspectos da profesión. A encargada de pechar as xornadas será a correspondente de Televisión Española Rosa María Calaf (sábado, ás 19.30 horas).
Entre Moledo Ucha e Calaf, falarán a creadora de contido Sindy Takanashi (con máis de 250.000 seguidores na rede social Instagram), Nuria Labari (El País), María Guerra (Cadena Ser), Paloma Rando (El País), Marta Peirano (Radio Nacional) e Laura Ferrero (xornalista, escritora e coguionista do documental El techo amarillo, de Isabel Coixet).
Galegas
Profesionais de prestixio a nivel estatal compartirán escenario con galegas como Aida Pena (Cadena Ser), Antía Paz (Luzes) e Paula Montes (Radio Vigo).
A maiores, unha das principais novidades do congreso deste ano é a incorporación dunha clase maxistral sobre linguaxe inclusiva, a cargo de María Martín (@generoenaccion en redes). Desenvolverase baixo o título Ni por favor, ni por favora. Como falar (e escribir) con linguaxe inclusiva. E punto.
Ademais da incorporación desta clase maxistral ao programa, As mulleres que opinan son perigosas conta con outra novidade: a convocatoria dun premio dirixido a artigos de opinión de autoría feminina, inéditos ou publicados nalgún medio, que fagan algún tipo de referencia explícita ao congreso de Pontevedra. O galardón, do que se publicaron as bases o luns 13 de marzo no Boletín Oficial da Provincia, terá dúas categorías, dotada con 1.000 euros cada unha: para textos en galego e para textos en castelán. O prazo de recepción de obras ábrese o 20 de marzo e remata o 10 de abril.
Todos os relatorios de As mulleres que opinan son perigosas poden seguirse por streaming a través da páxina web da Deputación de Pontevedra (depo.gal).
12.30 - Alba Moledo Ucha
13.15 - Sindy Takanashi
17.00 - Aida Pena
17.45 - Nuria Labari
18.45 - María Guerra
19.30 - Mara Torres
Mañá
11.45 - Antía Paz
12.30 - Paloma Rando
13.15 - Marta Peirano
17.00 - Paula Montes
17.45 - Laura Ferrero
18.45 - María Martín
19.30 - Rosa María Calaf