Alberto Fontes: "O que máis me gusta é narrar sen ningún tipo de atadura"

Edicións Laiovento vén de publicar o novo libro do escritor Alberto Fortes. ‘A viaxe xeométrica de Domingo Fontán’ narra a historia de como o científico galego creou o primerio mapa da comunidade feito a partir de triangulación e medicións astronómicas
O escritor Alberto Fontes. GONZALO GARCÍA
photo_camera O escritor Alberto Fontes. GONZALO GARCÍA

Fontán foi un home que non perdeu o tempo que viviu: adicouse á política e era matemático e xeógrafo. Tamén estudou filosofía, rematando a carreira con catorce anos en 1802. Con todo, o seu fito máis importante foi ser quen de facer o primeiro mapa topográfico de Galicia por triangulación. De feito, aínda se pode ver un orixinal do mapa en Amoeiro, Ourense, que pertenceu a Ramón Otero Pedrayo. Esta é a historia que conta o autor pontevedrés Alberto Fortes na súa última obra, A viaxe xeométrica de Domingo Fontán.

Como nace a idea de facer un libro sobre esta aventura de Domingo Fontán?

O mapa de Fontán era unha referencia para toda a xente. Por fin puideron ver como é Galicia cando viron este mapa. Antes non había ningún mapa feito por triangulación nin posicionamento astronómico, pero si algún de Tomás López e da costa. Pero non había de todo o territorio: dos montes, das igrexas, dos camiños… É un mapa que influíu a moita xente, como Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro. De feito, hai un capítulo no libro no que se explica que significou para eles o mapa de Fontán.

Podería ser que o legado de Fontán non se teña en tanta consideración como se debería?

Ao final é o primeiro mapa de España feito deste xeito. É o primeiro feito con métodos científicos en España, si. Había un proxecto dun mariño, Jorge Juan, de facer un de toda España por triangulación, pero de todos os xeitos o primeiro é o de Fontán. Creo que si que está moi recoñecido, e aínda así a xente non o comezou a ver ata 1856 cando saíu no dicionario de Valor. Na segunda metade de século XIX é cando verdaderamente se comeza a coñecer.

Cal é a súa intención con A viaxe xeométrica de Domingo Fontán?

Resaltar a figura de Fontán e velo coma un ilustrado matemático que traballou pola súa terra. Ademais, tamén foi deputado en Madrid por Pontevedra. Quería tamén falar da división provincial de Galicia que se fixo en 1833, na que traballou moito. O mapa serviu para facer esa división provincial e a comarcalización de Galicia. Fontán foi responsable de como quedou dividida Galicia. Por iso tamén era a miña intención que se debatese un pouco ese proceso de división.

"Meus pais educáronnos no amor aos libros. Basicamente somos unha familia de letras"

Como foi o proceso de documentación antes de comezar a escribir o libro?

Hai moitas lecturas e documentación que collín no arquivo histórico provincial. Tamén consultei moitos artigos e documentos nunha fundación privada que hai en Madrid, a Fundación Domingo Fontán, que a preside un dos seus descendentes. O libro está composto dunha parte de ficción e unha de non ficción, van intercaladas.

Entón, podería dicir que a súa obra é máis unha novela que una obra de non ficción?

Si, é unha narrativa de ficción a partir de feitos reais. Hai que ter en conta que naqueles anos foi cando apareceu a xente do Rexurdimento, a primeira aparición dos provincialistas. A partir de 1846 é cando se produce, aquí en Galicia, o levantamento do grupo dos chamados Provincialistas de Santiago.

Que outros libros o inspiraron para adentrarse a escribir A viaxe xeométrica de Domingo Fontán?

Eu traballei moito o século XVIII, no que por 1730 tanto Galicia como España enlázanse coa Ilustración. Todas as lecturas narrativas como a investigación que fixen sobre Fontán, e no só de cando levantou o mapa, son as miñas influenzas. Domingo Fontán era unha persoa que me atraía moito, era diputado, tiña unha fábrica de papel en Lousame…

"A min gústame escribir ficción, pero é verdade que trato de escribila relacionada con feitos reais"

Que é máis doado, escribir ficción ou contar sucesos históricos reais?

A min gústame máis escribir ficción, pero si é verdade que trato de escribir ficción relacionada con feitos reais. De todos os xeitos, si que teño escrito certos traballos históricos: biografías sobre os corsarios, sobre o explorador irlandés Shackleton ou sobre os piratas das Rías Baixas. Pero o que máis me gusta é narrar sen ningún tipo de atadura.

Onde nace entón ese interese que ten pola historia?

Na miña casa é un tema cotiá. Meu pai é historiador, miña nai historiadora, a miña irmá tamén e meu irmán xornalista. Tanto a historia como a literatura estivo presente na casa, tanto en galego como en español. Entón, esa faceta dos tres irmáns por contar historias, sexan presentes ou pasadas, non é froito da casualidade. Non, creo que non. Meus pais educáronnos no amor aos libros. Basicamente somos unha familia de letras. A historia é un debate continuo nas sobremesas e no verán cando estamos todos xuntos. A todos nos gusta a literatura con fondo histórico, máis que a narrativa de pura imaxinación.

Que está a ler agora mesmo?

Normalmente leo moitos libros. Agora estou lendo as memorias da expedición da viaxe a Quito precisamente de Jorge Juan e Antonio de Ulloa para medir un arco de meridiano. Ten bastante que ver con Fontán, porque Jorge Juan foi o primeiro que tivo a idea de facer un mapa de España triangulando. Ademais foi un científico que fixo moitas correccións astronómicas e, de feito, Fontán fixo moitas medicións seguindo estas correccións.