A Alcaldía de Foz de Iguazú interésase polo modelo de Pontevedra

Lores expuxo os avances da cidade do Lérez ante unhas 50 persoas na localidade brasileira no marco da Feira Internacional Termatalia

O rexedor pontevedrés. Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu unha conferencia titulada Modelo de Mobilidade Sostible. CONCELLO
photo_camera O rexedor pontevedrés ofreceu unha conferencia titulada 'Modelo de Mobilidade Sostible'. CONCELLO

Modelo de mobilidade sostible foi o título da conferencia que ofreceu o pasado venres pola noite o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no marco de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que se está a celebrar nestes días na localidade brasileira de Foz de Iguazú. O rexedor pontevedrés dirixiuse a prefectos e concelleiros da comarca, que integraban un público dunhas 50 persoas, entre os que se atopaba o alcalde do lugar, Francisco Lacerda, acompañado do secretario municipal de Turismo, Gilmar Antonio Piolla, que quixo asistir á intervención de Lores para coñecer polo miúdo a experiencia de Pontevedra.

De feito, despois da intervención, Lacerda ofreceuse a amosar Foz de Iguazú a Lores, para ensinarlle a política de mobilidade que quere implantar na súa localidade, cunha poboación superior aos 250.000 habitantes. Será este domingo cando os rexedores realicen a visita, á que tamén se sumarán a concelleira de Promoción da Cidade de Pontevedra, Anabel Gulías, que acompaña a Lores na súa viaxe, e tamén o secretario municipal de Turismo de Foz, Gilmar Piolla.

Na súa intervención en Termatalia, Lores estableceu as grandes diferenzas entre as cidades europeas e as americanas debido á distinta evolución histórica. Entre outros aspectos, referiuse ao caso da cidade de Brasilia (un proxecto utópico deseñado nos anos 50 pensando nos coches), en contraposición ao caso de Pontevedra, "unha cidade que logrou domesticar o automóbil fomentando unicamente o tráfico de necesidade e limitando todos os demais (os de paso e os que procuran aparcadoiro)", explicou.

A continuación, enumerou "os logros conseguidos pola cidade" en materia de contaminación, seguridade viaria, espazo público e outros ámbitos, entre os que subliñou os "numerosos premios logrados polo modelo urbano".

Comentarios