Alejandro de la Sota converte á Boa Vila na capital das Belas Artes

▶A inauguración dunha exposición sobre o autor na Praza da Ferrería e un evento solemne no Teatro Principal centran as homenaxes ao arquitecto ▶ Núñez Feijóo ausentouse a última hora para evitar as protestas dos traballadores da Xustiza e non «boicotear o acto»

Homenaje a Alejandro de la Sota en el Teatro Principal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO.
photo_camera Homenaxe a Alejandro de la Sota no Teatro Principal. JAVIER CERVERA-MERCADILLO.

Unha mostra na Praza da Ferrería e un acto de homenaxe no Teatro Principal recordaron onte a un dos nomes máis importantes da arquitectura española: Alejandro de la Sota. O arquitecto pontevedrés, que asinou obras como o Colegio Maravillas (Madrid), a Casa Domínguez (Poio) ou o Goberno Civil de Tarragona, foi homenaxeado na cuarta edición do Día das Artes Galegas. Deste xeito, na mañá de onte, o Colexio de Arquitectos de Galicia, xunto coa Academia de Belas Artes, inaugurou unha exposición ao aire libre na Praza da Ferrería.

Na apertura da mostra, o fillo do arquitecto pontevedrés lembrou como seu pai xogou na dita praza pontevedresa e contou a anécdota de como De la Sota, sendo neno, xogaba ás adiviñas na céntrica praza. «Mi padre fue un niño durante toda su vida y esta plaza le acompañó siempre», contou Juan de la Sota, fillo do homenaxeado. «Su obra es el reflejo de esos tiempos en los que se divertía con cosas tan ajenas a la propia arquitectura», explicou.

Ao acto de apertura da mostra acudiron tamén autoridades como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño; o presidente da Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e o seu vicepresidente, Celestino García Braña. «Alejandro de la Sota era unha cita obrigada cunha obra moi importante ao longo da xeografía española e con presenza destacada en Pontevedra», explicou Quintana Martelo.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a vertente didáctica e de transmisión de coñecementos á sociedade de homenaxes como a de onte. «Calquera persoa, con independencia da súa bagaxe, debe coñecer algúns aspectos desta persoa». Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa satisfacción por acoller unha homenaxe a un arquitecto da Boa Vila. «Alejandro de la Sota naceu en Pontevedra nunha época brillante da cidade, na década dos anos 20 e 30, e sentímonos orgullosos de que un arquitecto nacido aquí teña esa proxección internacional e nos sitúe no mundo», explicou Lores, que reivindicou o uso do espazo público para espallar o coñecemento sobre, neste caso, o arquitecto pontevedrés.

A mostra está formada por oito prismas deseñados por Trespés Arquitectos que reflicten algunhas das obras do autor, así como a traxectoria do arquitecto pontevedrés. 

Alejandro de la Sota naceu en Pontevedra nunha época brillante da cidade, na década dos anos 20 e 30, e sentímonos orgullosos de que un arquitecto nacido aquí teña esa proxección internacional e nos sitúe no mundo (Miguel Anxo Fernández Lores)

Teatro Principal. Xa pola tarde, no Teatro Principal, o vicepresidente da Real Academia de Belas Artes, Celestino García Braña, fixo un percorrido pola traxectoria de De la Sota. «Foi capaz de artellar un xeito de pensar a arquitectura desde as circunstancias específicas do seu presente e influír poderosamente na das xeracións posteriores», explicou na súa ponencia ‘O arquitecto De la Sota ou a procura do esencial’.

O vicepresidente da Academia fixo referencia á etapa inicial do arquitecto na Pontevedra dos anos vinte. A figura e potente personalidade de seu pai, Daniel de la Sota y Valdecilla, un enxeñeiro militar cartógrafo de orixe cántabra, propiciou o contacto do seu fillo coa vida creativa e cultural da cidade a través dos ollos de Alexandre Bóveda ou Castelao, con lembranzas das horas transcorridas no Café Moderno ou nos ensaios da coral polífónica, pero principalmente o recordo da casa familiar na parroquia Salcedo.

De forma nostálxica, Celestino García Braña despediu a súa glosa referenciando a súa etapa como alumno de Alejandro de la Sota, con lembranzas inesquecibles das súas leccións, ás veces enigmáticas, pero sempre axitadoras de tranquilas conciencias arquitectónicas. «O camiño andado por De la Sota foi longo e frutífero, con algúns dos edificios máis importantes da arquitectura española e europea, o seu pensamento arquitectónico, as caricaturas e debuxos, e a herdanza para os seus discípulos que enriquecen o panorama arquitectónico actual», rematou.

O camiño andado por De la Sota foi longo e frutífero, con algúns dos edificios máis importantes da arquitectura española e europea, o seu pensamento arquitectónico, as caricaturas e debuxos, e a herdanza para os seus discípulos que enriquecen o panorama arquitectónico actual (Celestino García Braña)


Co acompañamento musical da Coral Polifónica de Pontevedra levouse a cabo un acto que foi presentado pola decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García González, e que contou co discurso inaugural do presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, e a asistencia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Estaba previsto que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estivese no acto, mais a última hora ausentouse por mor das protestas dos traballadores da Xustiza que se concentraron ás portas do Teatro Principal.

Xa na cuarta edición do Día das Artes Galegas, Manuel Quintana Martelo destacou a figura de Alejandro de la Sota como «home e nome» sobradamente coñecido no mundo da arquitectura e de transcendencia social, que deixou unha forte pegada e é considerado a día de hoxe un dos arquitectos españois máis influíntes do século pasado.

Quintana Martelo explicou que para que a Academia poida traballar en prol da defensa do patrimonio cultural galego precisa apoio económico para «o día a día da institución», formada por expertos nas seccións de pintura, escultura, arquitectura, música, museoloxía e arqueoloxía, expertos nas artes e artes da imaxe. «Un país sen cultura é un país morto e nós pretendemos unha cultura libre de intromisións alleas, viva, aberta, plural e que sexa esa a herdanza que deixaremos para o noso futuro», sentenciou.

Comentarios