Alfonsina Storni faise de Pontevedra

Marcus Daniel Cabada coordina a nova colección Avis Rara para o selo brasileiro Urutau ▶ O proxecto, nacido na cidade, reeditará clásicos contemporáneos e terá perspectiva de xénero

Marcus Daniel Cabada (con lentes de sol) xunto a Wladimir Vaz e Elena Balboa, da editorial. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Marcus Daniel Cabada (con lentes de sol) xunto a Wladimir Vaz e Elena Balboa, da editorial. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

"Algún día, la Forma Destructora/ que todo lo devora,/ borrará mi figura./ Se bajará a mis libros, ya amarillos,/ y alzándola en sus dedos, los carrillos/ ligeramente inflados, con un modo/ de gran señor a quien lo aburre todo,/ de un cansado soplido/ me aventará al olvido".

Son versos da poeta arxentina Alfonsina Storni (Capriasca, 1892-Mar del Plata, 1938), a primeira autora que publica a colección Avis Rara, recén creada en Pontevedra. Os seus responsables, o autor pontevedrés Marcus Daniel Cabada e o editor Wladimir Vaz, do selo brasileiro-portugués-galego Urutau, onde se publicarán as obras, presentaron este mércores este primeiro título, Alfonsina Storni. Carta lírica a otra mujer. Antología Poética, cun recital no bar Pavero, do Campiño de Santa María. A data coincidía co 127º aniversario do nacemento de Storni.

Marcus Daniel Cabada. Escritor e editor
"Temos moi presente que a colección se funda en Pontevedra e que a poesía debe estar na rúa e na boca da xente"

"O que creamos foi unha nova colección de libros. En principio, de poesía, aínda que, máis adiante, quizais inclúa narrativa", explica Cabada. "E eliximos para comezar a nosa andadura estes 72 poemas de Alfonsina Storni". O selo brasileiro Urutau, que foi gañando presenza en Galicia nos últimos meses, afianza desta maneira a súa relación coa literatura do país e con Pontevedra a través de Avis Rara.

A idea é ir publicando pouco a pouco títulos que se consideren clásicos da literatura contemporánea, "case como reacción á escasa presenza editorial de obras esenciais da literatura universal que, sendo de sobra coñecidas, apenas poden atoparse en pequeno formato, entendendo ademais que ansían a viva voz que a potencia do seu discurso e a universalidade da súa palabra requiren", sinala o selo editorial.

Entre as características da nova colección destacan a súa perspectiva de xénero, "da que nos aseguraremos intercalando a publicación dunha autora e dun autor", di Cabada, e a súa intención de facer traducións. "Imos comezar publicando en galego, en portugués e en castelán. Despois, gustaríanos incorporar traducións do francés, do inglés e do alemán ao galego e ao castelán".

O primeiro volume da colección inclúe poemas pertencentes ás obras La inquietud del rosal (1916), El dulce daño (1918), Irremediablemente (1919), Languidez (1929), Ocre (1925), Mundo de siete pozos (1934) e Mascarilla y trébol (1938).

VALLE-INCLÁN. Tralo título de Storni, Avis Rara ten previsto publicar un poemario de Valle-Inclán. "Despois temos pensado lanzar obras doutros autores como Lorca ou Manuel Antonio", conta Marcus Daniel Cabada. "Por outra banda, temos moi presente que a colección se funda en Pontevedra e que dentro do seu espírito está levar a poesía á rúa, algo que forma parte da súa esencia mesma: estar na boca da xente".

Para Cabada, autor de catro títulos de poesía, narrativa e ensaio, esta é a súa primeira experiencia como editor. "En realidade esta é unha faceta diferente e complementaria. Antes que nada o que somos é lectores. Desta maneira traballas de xeito distinto cos textos, míralos doutra maneira. É un traballo moi interesante", conta. "É, a maiores, unha oportunidade de investigación sobre os textos, para acadar unha edición o máis fiel posible ao que querería a autora ou o autor".

Comentarios