Alicia Benade: "O rural ten vantaxes. Hai que aproveitalas"

Esta emprendedora no rural estudou en Monte Porreiro, no Luís Seoane. Agora, Trigo y Limpio, a fariña que testou en Etiqueta Negra, recibiu un premio TalentA

Acaba de ser finalista dos premios TalentA. 
Si. É unha iniciativa da Federación de Asociaciones de Mujeres Rurais (Fademur) e Corteva, unha empresa privada que traballa con produtos de agrociencia: semillas, químicos, etc. Esta é a primeira edición dos galardóns. O primeiro premio incluía unha dotación económica e nós, que fomos finalistas, gañamos unha especie de asesoramento, un mentoring, relacionado co plan de empresa, con estratexias de marketing, etc. Estamos moi contentos porque somos novos en moitas cousas e isto é un amparo. Traballamos moito co ensaio-erro, por iso é fundamental contar con alguén que che bote unha man. 

Alicia Benade (Pexegueiro, Tui, 1988), co seu diploma. FADEMURCando creou Trigo y Limpio? 
Aínda que eu estou como autónoma e son a cara visible de todo isto, este é un proxecto familiar no que está comigo o meu irmán maior, Roberto. Co runrún de todo isto xa empecei en decembro de 2017. Fixemos unha colleita de proba nunha leiriña pequena detrás da casa. Hai ano e medio foi cando demos de alta Trigo y Limpio e comercializamos aquela pequena colleita, 300 kilos. A colleita do ano pasado xa foi de dúas hectáreas e comezamos a comercializalo coa tenda on-line (www.trigoylimpio.com) a partir de outubro de 2019. 

Medraron rápido. 
Fixemos un test de mercado con aquela primeira fariña moída en muíño de pedra precisamente en Pontevedra, na feira Etiqueta Negra. Serviunos para ver se había interese en mercar un produto como este, unha fariña de trigo galego de calidade. Confirmamos que si e lanzámonos. 

De onde xurdiu a idea de volver botar trigo Callobre e moelo? 
En realidade, a nosa primeira idea era facer algo na nosa parroquia, en Pexegueiro (Tui). Pensando nisto de que o rural está abandonado, queriamos darlle unha segunda oportunidade ás terras da familia. Agora xa, coa idea de medrar, van ser tamén as dos veciños. Moitos viñeron directamente falar con nós para dicirnos: mira, só con que as coides e as teñas limpas, son túas. Foi case un evento para a aldea. Como cando aparecemos coa sementadora, que foi como se sacaramos un Ferrari á rúa, con todo o mundo preguntando que era aquilo. Moita xente maior tamén se alegrou ao vernos traballar e enseguida nos dixeron que xa era hora de que alguén se animara a volver ao campo. O de volver ao trigo galego tivo que ver coa miña avoa. Sempre conto que se enfadaba moito co "pan de merda", así o dicía, que comemos hoxe en día. Un día chegou a tiralo ao chan dicindo iso, que pola mañá era moi rico, pero que pola tarde estaba duro como unha pedra. É moi común escoitar este tipo de reflexións. Normalizamos o mal pan, cando en Galicia sempre houbo cultura do contrario. Un día chegou a min unha noticia sobre a recuperación desta variedade de trigo galego, o Callobre. E apostamos por iso. E por que proxecto fose o máis sostible e respectuoso posible coa contorna. Non botamos fertilizantes nin ningún químico. Este ano comezamos a probar un encalante que está feito con cunchas de mexilóns das Rías Baixas. Faino unha empresa de Ponteareas que se chama Ecocelta e que se adica ao abono orgánico. 

Miña avoa dicía que comiamos un 'pan de merda'. Normalizamos o mal pan, cando en Galicia sempre houbo cultura do contrario

Outra particularidade é que moen a fariña de xeito tradicional. 
Si, no muíño da panadería Argibay do Porriño. Facemos dúas ou tres moendas ao ano. Moemos o gran enteiro, non como se fai habitualmente na industria, que quita o xerme, que é o leva a maior parte dos nutrentes, minerais e aceites esenciais. 

Por agora serven só a particulares ou tamén a panaderías? 
De todo un pouco. Temos clientes particulares e tamén comezamos a traballar con panaderías que fan pan especial, pan de trigo galego. Si que é verdade que esta fariña non está pensada para a barra de todos os días de 80 céntimos. É evidente. 

Que tal a súa relación coa vida salvaxe da zona? As incursións dos cabalos ou dos xabaríns tran de cabeza moitas veces aos agricultores. 
Pois a verdade é que non tivemos ningún problema ata o de agora. Tamén é certo que temos os campos valados. Como moito pode vir o cabalo bravo, pero o xabarín, polo de agora, con nós non se meteu. Así que por ese lado non temos queixa. 

Ser muller supúxolle máis atrancos á hora de emprender o negocio? 
Sendo totalmente sincera: non. Nunca sentín que tivera unha traba por ser muller. Tampouco quere dicir isto que non a vaia atopar problemas máis adiante. Pero ata o de agora, non. Sinto que fixen todo o que quería facer. 

Animaría á xente a emprender no rural? 
Completamente. A vida moderna é moi difícil. A oficina, o tupper... Isto é outra cousa. É certo que non é sinxelo. As aldeas están morrendo, non hai oportunidades, a xente nova marcha... En Pexegueiro fóronse todos os mozos. Non quedaron nin en Tui. Como pouco, marcharon a Vigo. Hai que axudar a xerar oportunidades. Oxalá algún día Trigo y Limpio sexa algo tan grande que permita darlle traballo a dúas ou tres persoas en Pexegueiro. Sería o meu soño. Eu creo que a xente debería animarse a probar no rural. O tema das comunicacións cambiou moito. Internet permíteche estar conectado permanentemente co mundo. Cantas iniciativas ves hoxe que funcionan a nivel mundial con sede nun sitio pequeniño e perdido. Pouco a pouco as cousas poden ir cambiando. O rural ten moitas vantaxes. Hai que aproveitalas.