Alumnado do CIFP A Xunqueira concede a 14 mulleres os premios Josefa Fariña

A muller que dá nome aos galardóns viviu en Pontevedra entre 1898 e 1944, rexentou un ultramarinos e escribía, pero, cando casou, destruíu todos os seus textos
Cartel de entrada del CIFP A Xunqueira. RAFA FARIÑA (ADP)
photo_camera Cartel de entrada del CIFP A Xunqueira. RAFA FARIÑA (ADP)

O alumnado do ciclo de Promoción da Igualdade de Xénero do CIFP A Xunqueira, da man da profesora Sonia Rodríguez Vidal, vén de crear os premios Josefa Fariña co fin de dar visibilidade ás mulleres pontevedresas que triunfan en diferentes ámbitos, segundo explicou a propia docente e queda recollido na súa web.

Os I Premios Josefa Fariña están enmarcados no módulo de Participación Social das Mulleres, no 2º e 1º curso do Ciclo de Igualdade de Xénero no CIFP A Xunqueira, e conta coa colaboración, no deseño e elaboración do trofeo que se vai entregar, do Departamento de Madeira, Moble e Cortiza.

"É un proxecto de investigación da quinta Unidade Didáctica en donde se pon en valor a sororidade, o empoderamento feminino e o acompañamento ás mulleres", engade. "A idea é por en valor o traballo das mulleres de diversas categorías de Pontevedra".

A profesora subliña que o alumnado fixo todo o traballo previo de investigación e "sorprendeuse de que aínda haxa descoñecemento do ciclo", a pesar de ser "máis que necesario e urxente pola situación da muller en xeral e a violencia machista que inunda as noticias a diario". En realidade, apuntan, "non sempre se lle á a importancia ás mulleres, ó traballo e ás necesidades femeninas que se debera de ter dende todas as esferas, públicas, privadas e sobre todo políticas" e de aí que decidiran facer "unha reivindicación en positivo" para dar visibilidade ás mulleres pontevedresas "que triunfan en diferentes ámbitos e das que ninguén fala". A entrega de premios terá lugar mañá pola tarde no salón de actos do centro.

Josefa Fariña, que dá nome aos galardóns, viviu en Pontevedra entre 1898 e 1944, "rexentou un ultramarinos e escribía, pero, cando casou, destruíu todos os seus textos", subliñan. "Só se conservan dela un nome e unha foto. Parece que non foi ninguén e, en realidade, Josefa Fariña son (somos) todas as mulleres".

GALARDOADOS. Establecéronse trece categorías nesta primeira edición. A de política conta con dúas premiadas: Ángela Rodríguez Martínez Pam, secretaria de Estado de Igualdade, e Marta Gómez Martín, secretaria xeral de Galiza Nova. En Automoción e Enxeñería mecánica, Marisa Quintairos, profesora do CIFP A Xunqueira. En Artes, Lupita Hard, grafiteira coñecida en Vigo polas súas intervención feministas en farois. En Deporte, Bárbara García, piragüista e especialista nos ámbitos do salvamento e o socorrismo.

En Literatura: Fina Casalderrey, escritora; en cine e TV: Cristina Maró, presentadora e actriz e en Teatro, Andrea Bayer, fundadora de Baobab. Na categoría de Ciencia, Montse Pérez Rodríguez, científica do Instituto Español de Oceanografía (IEO), e en Educación e docencia: Carmen Quinteiro Moreno, profesora de A Xunqueira I. Na modalidade de Tecido empresarial, Diana Lameiro Aznar, propietaria de dúas clínicas de logopedia e acción multidisciplinar. En Moda, empresa téxtil e comercio: Clarita, de Almacenes Clarita, "pola súa figura e o seu peso no comercio pontevedrés" e, en ONG, Conchi Vázquez, directora de Cáritas Interparroquial.

Finalmente, no eido dos coidados, a premiada é Concepción Diéguez González, mestra, orientadora e fundadora da Asociación Antía Sueiro, que leva o nome da súa filla, con parálise cerebral por mor dunha neglixencia médica

Comentarios