Tres alumnas do campus, premiadas no Xuventude Crea

Antía Vieiro e Laura Barrós foron galardoadas na categoría de moda e Rocío Campoy na de videocreación
Premios Xuventude Crea. DP
photo_camera Premios Xuventude Crea. DP

Tres alumnas do campus de Pontevedra resultaron premiadas na última edición do certame Xuventude Crea, ao que se presentaran 350 candidaturas e cuxos galardóns se entregaron o sábado pasado, informou o Duvi. O obxectivo deste concurso, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, é premiar a creatividade artística da mocidade.

Na categoría de moda o segundo e terceiro premio foron para Antía Vieiro e Laura Barrós, respectivamente, por unhas coleccións que naceron como traballos académicos no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga). Así mesmo, o xurado da modalidade de videocreación outorgou o terceiro premio á estudante do Grao en Belas Artes Rocío Campoy pola súa obra Emocións en espiral.

Máis alá dos premios, no marco deste certame impúlsanse tamén diferentes exposicións temporais, como a que acolle ata o 29 de decembro a igrexa da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela poden verse as obras finalistas das categorías de deseño de xoias e de moda, entre as que se atopan as creacións de Antía Vieiro e Laura Barrós, recoñecidas cuns premios cunha dotación económica de 1.500 e 1.000 euros, respectivamente.

Nacida como un traballo para o máster e presentado en Debut, Vieiro Fernández foi premiada por ¡Vaya huevos!, unha colección que, desde a ironía, propón "unha crítica á fraxilidade que se presupón a muller desde a perspectiva do home". Esta alumna deu forma a un proxecto no que "potencia o símbolo do ovo", facendo alusión a valores de valentía que, dun xeito estereotipado, se asocian ao masculino, e que á súa vez puña en relación coa idea da flor, "como algo moi fráxil e delicado". Graduada en Belas Artes, Vieiro xa fora recoñecida previamente en certames como os Premios Auditorio de Galicia para Novos/as Artistas. Mais desta volta tratábase da primeira vez que optaba a uns premios cun proxecto centrado na moda. "Con moita alegría e orgullo" recibía o galardón, pois a dotación económica servirá para preparar o TFM e grazas á exposición poderá "chegar a máis xente".

Desta mostra forma parte tamén a colección Novo Pentaerion, que Laura Barrós realizou tamén como traballo de primeiro curso no mestrado e co que suma un novo galardón ao que obtiña hai unhas semanas na categoría de deseño e moda nos Premios Provinciais á Xuventude da Deputación de Pontevedra.

DE FOTO A VÍDEO. Despois de que acadar o pasado ano o segundo premio na modalidade de fotografía no Xuventude Crea, na primeira vez que concorría un certame artístico, Rocío Campoy foi recoñecida de novo neste certame autonómico. Desta volta, na categoría de videocreación, na que levou o terceiro premio, dotado tamén con 1.000 euros, pola súa obra "Emocións en espiral". Trátase dunha peza realizada coa técnica do stopmotion, coa que trata de «reflectir a disociación da realidade e a confusión a través de imaxes oníricas e unha repetición que se mergulla nunha espiral», sinala.

"Recibir o premio faime sentir máis segura sobre min mesma e sobre a miña obra". Recentemente unha peza súa foi seleccionada para o Facom Fest da USC e a súa videocreación poderá verse de xeito permanente no museo dixital do Xuventude Crea, pois esta modalidade non conta cunha exposición física.

Comentarios