jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

Alumnos de Belas Artes ocupan a Fundación RAC durante 24 horas

O díptico 'Palimpsesto', de Pepe Eiras. RAFA FARIÑA
O díptico 'Palimpsesto', de Pepe Eiras. RAFA FARIÑA
A mostra Los frágiles secretos de su mente inaugurouse o mércores pola tarde e permaneceu aberta ao público ata este xoves a última hora

Apenas 24 horas durou a exposición Los frágiles secretos de su mente, que alumnos da Facultade de Belas Artes tiveron na Fundación RAC, que xestiona o coleccionista Carlos Rosón en Pontevedra. A mostra inaugurouse o mércores pola tarde e permaneceu aberta ao público ata este xoves a última hora.

A comisaria do proxecto é a tamén alumna da mesma facultade Pilar Casas, que montou a exposición como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano Xosé Manuel Buxán. Os autores das obras son os aínda estudantes Ruth Vidal, Sergio Vidal, Mateo Barcia e Pepe Eiras, e as xa graduadas Lara e Noa Castro.

"A mostra explora diferentes miradas da mente destes artistas", salienta Casas, en palabras recollidas polo Diario dixital da Universidade de Vigo, Duvi (uvigo.gal). Segundo explica, "a obra artística amosa modos de ver, resultados dun proceso interior de interpretación da realidade, xa que vemos co cerebro, non cos ollos".

Unha das obras que se expón é Palimpsesto, do estudante de doutoramento Pepe Eiras, na que a palabra "memoria" se presenta impresa sobre a verba "recordo", no que é unha reflexión sobre como o paso do tempo distorsiona as nosas lembranzas.

A "alteración da conciencia", segundo indica o Duvi remitíndose a palabras da comisaria, constitúe o punto de partida da videoinstalación en tres canais simultáneos Non dorme ninguén polo mundo, de Lara e Noa Castro.

Pola súa banda, o estudante do Mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda (Esdemga) Mateo Barcia ten na mostra unha peza que Pilar Casas define como unha "metáfora sobre a obra artística", que conduce a unha mirada cara o interior.

CONVERSA CONTINUA. A tamén estudante deste mestrado Ruth Vidal propón unha "reflexión sobre esa conversa continua que temos con nós mesmos" nunha peza que reflicte "un chat no que as mensaxes enviadas se borraron definitivamente", sempre segundo o Duvi.

Por último, Sergio Vidal sumou a esta exposición a súa serie Derivas, na que as ideas de segredo e fraxilidade se asocian a cuestións de xénero.

Alumnos de Belas Artes ocupan a Fundación RAC durante 24 horas
Comentarios