Os alumnos do CEP Marcos da Portela volven celebrar Os Maios

O venres, alumnos de sexto curso cantaron unhas coplas arredor da creación, como marca a tradición 

Aínda que o día tradicional para realizar os Maios nas escolas e asociacións que participan no concurso do Concello é o 30 de abril, víspera do primeiro de Maio, este ano o CEP Marcos da Portela adiantouse un día. Este xoves a escola do barrio de Monte Porreiro funcionaba a toda máquina durante a mañá, cortando flores, coséndoas, seleccionando o fiuncho recepcionado, recibindo máis pampullos, laranxas, camelias... Todo o alumnado e o profesorado do centro viuse implicado para avanzar durante a mañá todo o traballo posíbel. 

Máis tarde, dende primeira hora da tarde, as persoas máis veteranas na realización desta "árbore" tradicional remataron o traballo. Este grupo de xente, moi reducido e que por suposto traballou con todas as medidas anti-covid que se aplican a diario no centro educativo, deu remate ao traballo de todo o día neste mini-maio preto das 21:30 da noite para que este venres a rapazada puidese desfrutar, en tres turnos diferenciados e ao aire libre no patio do centro, de como algúns e algunhas das súas compañeiras de 6° curso cantaban unhas coplas arredor do mini-maio, como marca a tradición.

Nelas facíase referencia a canto botaban de menos a benquerida Praza da Ferrería, a que voltarían a ela cando os vacinasen, ou a que esta pandemia non vai evitar que festexemos nin un comezo de Maio máis.