Amalia Álvarez terá unha nova zona de xogos infantís e un parque para cans

As obras inclúense nun proxecto de mellora integral da Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural
Reunión do concelleiro Iván Puentes cos veciños. DP
photo_camera Reunión do concelleiro Iván Puentes cos veciños. DP

O inicio, durante a tarde deo sábado, dun zafarrancho de traballos de acondicionamento, reposición de árbores e plantación de novos exemplares de sombra supón o primeiro chanzo dun proxecto de mellora integral co que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra pretende renovar e poñer en valor o parque de Amalia Álvarez e as súas zonas verdes adxacentes. O plan deseñado polo edil socialista Iván Puentes prevé crear un novo espazo de xogos infantís e unha pequena zona acoutada para o uso dos cans que acotío saen a pasear nesta área.

Trátase de demandas que os propios veciños da Asociación da Eiriña lle transmitiron a Puentes no marco dunha visita por diversas zonas verdes do barrio para analizar o seu estado de conservación e estudar posibles intervencións. Ademais, tamén lle solicitaron un tratamento estético das medianeiras dos edificios que dan cara a este parque. "Non se trataría de intervir directamente sobre as medianeiras, senón dun tratamento vexetal, con árbores e outro tipo de plantas, que permitiría disimular a dureza visual desas paredes que dan directamente contra o parque de Amalia Álvarez", explica Puentes.

Na reunión abordouse o proxecto co que Desenvolvemento Sostible pretende abrir ao uso público e dotar dun novo parque a parcela de 5.500 metros cadrados existente sobre a pasarela da rúa 12 de Novembro, entre as rúas da Estrada e As Hortas. O concelleiro do PSOE anunciou que este plan, co que se dará continuidade á área recreativa da rúa José Adrio Barreiro, suporá un investimento de máis de 500.000 euros.

"Agardamos poder presentar o proxecto cara finais de ano e xa en 2021 proceder á contratación das obras", asegurou. Asemade, a Asociación de Veciños da Eiriña e o concelleiro socialista coincidiron na necesidade de axardinar e optimizar o aspecto da zona verde existente entre as rúas Joaquín Costa e Poza dos Canos (fronte ao mural das Mulleres de Pontevedra na Historia).

Tal e como precisou Iván Puentes, "a idea é plantar flor, árbores e mellorar esteticamente esa zona, presidida por unha palmeira", xerando así, "xunto con Amalia Álvarez e co futuro parque da nova pasarela de 12 de Novembro, un terceiro espazo verde que artelle o lecer das veciñas e veciños".

Os portavoces cidadáns trasladaron ao concelleiro a posibilidade de que estes xardíns poidan bautizarse co nome da mestra e galeguista pontevedresa Daría González. No que atinxe aos traballos que se están acometer nestes días en Amalia Álvarez, Manuel Fontán indicou que, ademais de repoñerse arborado e de retirarse algúns exemplares secos, xa se procedeu á plantación de árbores de sombra (entre elas dúas moureiras e un ginkgo biloba) "para mellorar as condicións de estancia deste concorrido parque". 

Comentarios