Amaro Ferreiro, Pol Granch, Café Quijano, Juan Perro e Sabela estarán na Peregrina

Máis dunha trintena de concertos en catro escenarios diferentes, monólogos, teatro e actividades infantís do 6 ao 16 de agosto
Café Quijano, en Miami.
photo_camera Café Quijano, en Miami. DP

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Bala, Los Brincos, Pol Granch, Amaro Ferreiro, Juan Perro, Sabela, Triángulo de Amor Bizarro ou Café Quijano son algúns dos protagonistas do cartel das Festas da Peregrina, que o Concello de Pontevedra presentou este xoves.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, repasou algunhas das características dun programa de dez días que, outro ano máis, ten que adaptarse á pandemia. Deste xeito, haberá dez días de festa, "cun apoio firme e contundente á cultura", especialmente á local, en palabras da propia concelleira, cunha aposta por grupos e artistas da cidade e de Galicia. Actuarán Cora Velasco, Bala, a Banda de Música de Pontevedra e a de Salcedo ou Gustavo Almeida.

Consulta o programa completo das Festas da Peregrina 2021

Así, entre os días 6 e 16 de agosto terán lugar na cidade máis dunha trintena de concertos en catro escenarios diferentes: A Ferrería, as pistas de Campolongo, a Alameda e a Praza de España.

Os horarios das actividades nos distintos puntos da cidade solaparanse para evitar a concentración de demasiadas persoas. Ademais, o espazo para o público estará acotado, con cadeiras e control de aforo. "Non implantaremos un sistema de reserva de praza, senón que se poderá acceder aos concertos e actividades por orde de chegada para evitar que alguén reserve e logo non poida ir deixando ocos baleiros", explicou a concelleira. para todos os gustos.

Sobre a elección dos grupos musicais, Da Silva destacou a variedade dos estilos, que permite chegar a todos os gustos, a aposta por músicas que mesturan tradición e vangarda ou o apoio aos novos artistas emerxentes.

Máis alá da programación musical haberá tamén pasarrúas, humor, teatro ou comparsas que animarán a rúa durante a semana grande da cidade.

"Queremos destacar tamén o papel das mulleres sobre o escenario neste ano, así como a importancia dos nenos na programación, con actividades específicas para o público infantil porque son unha parte moi importante nesta cidade", dixo Da Silva.

A concelleira fixo un chamamento á responsabilidade do público que participe nas festas. "Pódese facer cultura de forma segura", explicou. Neste sentido, manterase tamén a tirada de fogos de artificio diaria, cuxa ubicación será sorpresa para evitar aglomeracións. Todos os días produciranse tiradas de cinco minutos ás 00.00 horas en diferentes zonas da cidade que non se darán a coñecer. "Queremos informar disto para que as persoas en determinadas circunstancias ás que lles afecte a pirotecnia saiban que todos os días ás 00.00 horas haberá este tipo de tiradas, para que poidan estar previstas e tomen as medidas axeitadas", explicou Da Silva.

Comentarios