domingo. 01.08.2021 |
El tiempo
domingo. 01.08.2021
El tiempo

O 'Amazon' do comercio pontevedrés

Presentación da plataforma de compra online para o comercio pontevedrés. CONCELLO
Presentación da plataforma de compra online para o comercio pontevedrés. CONCELLO

'E-Ponte.com', impulsado polo Concello, permite facer reservas e ofrece recomendacións coas mellores ofertas do día

Produtos e servizos do comercio de Pontevedra á distancia dun click. É o que ofrece a plataforma de compra online E-Ponte.com, impulsada polo Concello a través da campaña #PonteLovers e inaugurada este xoves, cando bota a andar con 115 empresas adheridas. A plataforma dixital, similar a Amazon, inclúe un enlace directo ao portal do mercado PonteAbastos.com, permítelles aos usuarios tramitar reservas e ofrece recomendacións coas mellores ofertas do día.

A web municipal de comercio online, posta en marcha cun orzamento de 8.000 euros, foi presentada nun acto coa concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o deseñador da páxina, Miro Justo, e os comerciantes María José Pazos e Manuel López Vega.

Como explicou a edil, a relación de pemes inscritas "é unha lista viva, porque se poden seguir inscribindo empresas, autónomos, comerciantes". "Este é o momento para que os #PonteLovers utilicemos a nosa plataforma, non outra, a plataforma que permite mercar no comercio local e axudar os nosos", subliñou, tras constatar que as limitacións da pandemia propiciaron o desenvolvemento do comercio online. "Así que debemos sumarnos, pero apostando polo noso", dixo.

En 'E-Ponte.com' pódense atopar negocios "de todo tipo", reunidos nunha páxina que —segundo apuntou Blanco— resulta "moi sinxela de empregar pola cidadanía".

A tenda online inclúe un enlace directo co portal 'PonteAbastos.com'

Miro Justo, pola súa banda, destacou que o novo marketplace "non é só unha plataforma para a venda online de produtos e servizos, senón que ten un apartado para reservar citas e servizos, o que é un punto diferenciado deste portal". Con todo o que ofrece, o tamén cofundador de TokApp salientou que os comerciantes se embarcan nunha aventura que permite "dispoñer dun empregado máis, un escaparate máis, unha ferramenta moi útil que, neste contexto de dificultades que trouxo a covid-19, lles axudará a paliar a perda de vendas que se está a producir no comercio presencial".

Os envíos a domicilio comezarán inicialmente na contorna —as zonas dos códigos postais que van do 36.001 ao 36.005), aínda que está previsto que a distribución de produto fresco se poida facer nun futuro a nivel estatal. Con todo, un convenio con Correos permite o envío de paquetería con tarifas "accesibles para os clientes" e repartos en prazos de 48 horas a todo o territorio estatal, mentres que a empresa pontevedresa Pedaleando, especializada en transporte ecolóxico, encárgase do reparto a nivel local.

Os prezos do transporte a domicilio poden variar en función da distancia ao lugar de envío e do peso do produto. Así, os de carácter local están en 2,99 euros (Ive incluído), ata dez kilos.

"É moi importante ser visibles en internet"
Manuel López, da Clínica Dental Garrido Madarnás, é un dos comerciantes que participan na plataforma, co convencemento de que "hoxe en día é moi importante ser visibles en internet e o Concello facilítanos isto dun xeito bastante interesante".

"Eu estou na zona da Parda e moitos clientes descoñecen os comercios existentes neste barrio, polo que se somos visibles nun portal, iso pode motivar que, en lugar de desprazarse un quilómetro ou dous, a xente quede no contorno no que vive e se potencie o comercio da zona", apunta.

María José Pazos, que rexenta un centro de coidado capilar na rúa Francisco Tomás y Valiente, animouse a participar por considerar que "isto é agora mesmo importantísimo". "Tal e como están acontecendo as cousas, é necesario que cidadáns de Pontevedra e de todo o mundo coñezan os marabillosos produtos e servizos dos que dispoñemos en Galicia", di.

O 'Amazon' do comercio pontevedrés
Comentarios
ç