Proposta para poñerlle o nome de Castelao ao Sexto Edificio

Amigos do Museo pedirá responsabilidades pola Edificio Sarmiento

Amupo recompilará información para a Fiscalía sobre o desenvolvemento da mazá cultural do Museo e o abandono do Pazo de Lourizán, dous casos nos que aprecia posibles delitos contra o patrimonio
Ernesto Vázquez-Rey, este mércores, na Casa das Campás
photo_camera Ernesto Vázquez-Rey, este mércores, na Casa das Campás

A asociación Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (Amupo) pedirá responsablidades, "políticas e xurídicas", polo xeito no que se levou a cabo a reforma do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra e polo "abandono" do Pazo de Lourizán. O colectivo, que está a recompilar información sobre os dous casos, facilitaralle os datos cos que se faga á Fiscalía de Pontevedra para que inicie as accións xudiciais que considere oportunas de cara aos responsables das dúas actuacións. "No caso do Pazo de Lourizán, constituímos o ano pasado unha comisión de investigación que ten o traballo moi avanzado. No caso do Sarmiento, acabamos de poñela en marcha", explicou o secretario de Amupo, Ernesto Vázquez-Rey. "Pero, ao longo deste ano, agardamos iniciar accións con respecto ás dúas cuestións". 

Vázquez-Rey compareceu este mércores ante os medios para facer públicas algunhas das decisións que vén de adoptar o consello reitor da súa asociación, como nomear a Castelao socio de honra; pedirlle á Deputación que lle dea o nome do autor de Rianxo ao Sexto Edificio e protestar polo nomeamento da que fora deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez, como nova xerente do Gaiás. Ao tempo, o secretario de Amupo explicou que o colectivo estaba a recompilar información sobre o desenvolvemento da denominada mazá cultural do Museo e sobre o abandono do Pazo de Lourizán por parte das administracións. "Pedirémoslle responsabilidades políticas e xudiciais a quen haxa que pedirllas", indicou. 

"Ata onde se sabe, os arcos do Sarmiento foron demolidos para formar parte do pavimento das estradas de Lalín"

Segundo Vázquez-Rey, o Pazo de Lourizán, "de obrigada protección, segundo a Ley de Patrimonio Histórico Español, tanto pola Deputación como polo Concello", non sufriu ningún tipo de rehabilitación dende a súa adquisición nos anos 60. "Hoxe está a caer". 

Especial fincapé fixo o secretario de Amupo no caso da rehabilitación do Edificio Sarmiento, que no seu día contou co visto bo da Dirección de Patrimonio, aínda que non do arqueólogo da Xunta Xulio Carballo, que chegou a emitir un informe no que propoñía a incoación dun expediente sancionador á Deputación por aquelas obras. "Instaba á concellería de Urbanismo de Antón Louro a abrir un expediente. E aí quedou", lembrou Amupo, como xa denunciara en 2015. 

DESCUBRIR O CLAUSTRO. A rehabilitación do Edificio Sarmiento á que se referiu Vázquez-Rey, inaugurada en 2013 por Rafael Louzán, entre outras cousas, descubría o claustro do que era o antigo colexio dos xesuítas, eliminando os arcos que sustentaban esa cuberta. Segundo Amupo, o argumento empregado por Patrimonio para autorizalo era que non se trataba dos arcos orixinais da construción. "O que non quita que, segundo estimaban os propios técnicos do Museo, se o colexio se construíu no XVII, estes podían ser engadidos do XVIII", indicou o secretario. "Ata onde se sabe, os arcos desapareceron. Perdéuselles a pista en Lalín. A última noticia da que se tiña constancia no Museo era que serían demolidos para formar parte do pavimento das estradas dese concello. Non sabemos se chegou a levarse a cabo porque nin Louzán nin Ana Isabel Vázquez deron ningún tipo de explicacións. De ser así, é un escándalo e un delito, sen presuncións". 

O secretario de Amupo lembrou tamén que a idea de descubrir o claustro do Sarmiento estaba enmarcada nun plan da ex-deputada de Cultura "para abrir o Museo á sociedade", segundo ela mesma dicía. "Despois resultou que consistía en facer desfiles de moda e festas hippies". Dese plan formaba parte musealizar as zonas anexas ao claustro, "ata que descubriu que a luz directa non podía impactar directamente sobre as obras e quedaron baleiras".

Comentarios