Amigos de Galicia contabiliza doce toneladas de solidariedade en tapóns

Un valado publicitario lembra desde hai uns días a importancia desta campaña

Os voluntarios que recollen os tapóns da solidariedade. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Os voluntarios que recollen os tapóns da solidariedade. OLGA FERNÁNDEZ

A solidariedade mídese en quilos de tapóns. Un valo de publicidade situado nas inmediacións do Centro Comercial A Barca lembra desde hai uns días que un xesto tan sinxelo como gardar os tapóns dos envases, no canto de tiralos ó lixo, axuda a pagar terapias que non entran na Seguridade Social a familias con escasos recursos.

Enrique Magdalena, impulsor da xa coñecida Taponeta solidaria, que recolleu dúas toneladas de tapóns só durante este ano para entregar a Amigos de Galicia, destaca o obxectivo desta proposta divulgativa. "O importante é a concienciación das persoas, que saiban que con accións pequenas poden facer grandes cousas; isto pode ser o xermolo para construír un mundo mellor", subliñou.

O condutor do Mercedes 300 que nun ano percorreu preto de 700.000 quilómetros pola provincia recollendo tapóns de plástico reclama más implicación das institucións e do tecido empresarial. "Gustaríanos que as empresas se involucrasen máis, que estas necesidades que tratamos de cubrir distintos colectivos se traten tamén desde a Administración, que non se abandonen.Precisamos máis implicación por parte de todos a prol da inclusión social".

Coas case doce toneladas recollidas en 2017 financiáronse os tratamentos de tres pequenos: Valeria, Álex e Nahir, unha nena pontevedresa con parálise cerebral que puido recibir tratamentos da empresa privada e empezar a camiñar gracias aos mesmos.

Comentarios