Amupo reclama o traspaso do Museo á Xunta

O presidente de Amigos do Museo presenta un recurso de reposición na Deputación para tratar de paralizar a convocatoria da que sairá o novo director do centro de arte ► Ernesto Vázquez-Rey adianta que, de non obter resposta administrativa, irá aos xulgados

O presidente de Amupo, Ernesto Vázquez-Rey (esquerda), e o secretario da asociación, Jorge Barrecheguren, este xoves, no Cafetín. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O presidente de Amupo, Ernesto Vázquez-Rey (esquerda), e o secretario da asociación, Jorge Barrecheguren, este xoves, no Cafetín. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Museo non debería ser competencia da Deputación Provincial. É un dos puntos centrais do recurso de reposición, que o presidente da Asociación Amigos do Museo de Pontevedra (Amupo), Ernesto Vázquez-Rey, presentou onte contra as bases que rexen a convocatoria da contratación do novo director da institución museística. Coa realización deste trámite administrativo, Amupo trata de paralizar a convocatoria da que debería saír, no mes de abril, o sucesor de Carlos Valle, e que a asociación atopa pragada de arbitrariedades e inexactitudes. Por todo iso, pide que "se suspenda cautelarmente a execución da devandita resolución, por concorrer na propia convocatoria causas de nulidade de pleno dereito".

Ernesto Vázquez-Rey, acompañado polo secretario da asociación, Jorge Barrecheguren, avanzou tamén que, se nun mes non recibía resposta administrativa, barallaría ir aos xulgados. De facelo, sería no límite do prazo que as propias bases recollen para interpoñer un recurso contencioso administrativo contra elas. Nese caso, o nomeamento do novo director quedaría bloqueado ata despois das eleccións (26 de maio).

As bases da convocatoria actual foron cuestionadas por Amupo en varios puntos: dende as funcións que se lle atribúen ao director ata o órgano técnico que revisará as candidaturas

ESTATUTO AUTONÓMICO. O documento que presentou o presidente de Amupo comeza "cuestionando de plano a competencia que ostenta a Deputación Provincial de Pontevedra sobre o Museo". Basean o argumento no marco legal actual (en concreto, citaron leis sobre a Administración Local de 1985 e de 2013 que deixaban sen competencias no ámbito artístico e museístico aos organismos provinciais); no acordo de goberno asinado polo PSOE e polo BNG en 2015, que incluía o traspaso do Museo á Xunta de Galicia, e no Estatuto de Autonomía, que establece como competencias exclusivas da Administración Autonómica: "arquivos, bibliotecas e museos de interese para a Comunidade Autónoma, que non sexan de titularidade estatal".

Para Vázquez-Rey é a razón principal pola que o proceso de selección do novo director debe paralizarse. Debería ser a Xunta, co traspaso xa realizado, a que se encargue do nomeamento.

Polo demais, as bases da convocatoria actual foron cuestionadas por Amupo en varios puntos: dende as funcións que se lle atribúen ao director ata o órgano técnico que revisará as candidaturas.

ATRIBUCIÓN TEMERARIA. Entre outras cousas, referíndose ás funcións que enumeran as bases, a asociación considera "unha atribución temeraria" a de catalogar e conservar os fondos, "en especial os referidos á provincia", cando todos os fondos do Museo deben ter exactamente a mesma consideración ao tratarse de Bens de Interese Cultural (BIC). Tamén considera que se "convida á mala praxe", ao responsabilizar ao director da "retirada temporal de obxectos do Museo para o seu estudo", cando só a Dirección Xeral de Patrimonio pode ocuparse deste trámite ao tratarse de BIC. Do mesmo xeito, Amupo chama a atención sobre o feito de que as atribucións do director do Museo carezan "de concreción e de transparencia", quedando relegadas á vontade do deputado de Cultura de cada momento, un aspecto que se concreta especialmente na última das funcións que recollen as bases: "calquera outra que lle sexa atribuída".

Vázquez-Rey: Será o deputado o que escolla tres deses candidatos sen que saibamos que criterios valorará nin por que

Vázquez-Rey tamén sinala no recurso que o órgano técnico que valorará aos aspirantes, composto polo secretario da Deputación e polos xefes dos servizos de Cultura e Recursos Humanos, nin está composto por persoas cualificadas ("todos eles sen a máis mínima formación, alomenos acreditada, en materias como Museoloxía, Museografía, (...) Historia ou Historia da Arte") nin realizará unha valoración real xa que se "limitará a comprobar que os candidatos presenten ben os papeis". "É insultante e lamentable", dixo. "Será o deputado o que escolla tres deses candidatos sen que saibamos que criterios valorará nin por que". Así se sinala no propio recurso: "Chama a atención neste punto a inexistencia de criterios de selección e a falta dun sistema preestablecido de valoración e puntuación dos méritos a alegar por parte dos aspirantes".

Finalmente, Amupo denuncia que as causas de cesamento do posto directivo inclúan "a perda de confianza ou graves e continuadas dificultades de integración no equipo directivo, apreciadas polo deputado", o que sometería á institución museística a "unha inestabilidade permanente e a unha falta de obxectivos claros".

Unha transferencia recollida no acordo de goberno

O acordo de goberno de coalición entre o PSOE e o BNG na Deputación, asinado en 2015, incluía efectivamente unha proposta de transferencia á Xunta de Galicia daquilo que se consideraban competencias propias da Administración Autonómica. Alí estaba o Museo, pero tamén O Areeiro, o Príncipe Felipe, a Escola de Canteiros, Mouriscade e o Campamento da Lanzada.

 

Cronoloxía

- 6 de novembro de 2018: Diario de Pontevedra avanza que Carlos Valle está a punto de deixar de ser o director do Museo. Levaba 32 anos no cargo e cumpría 65 anos o 25 de novembro. Solicitara unha prórroga do seu contrato. A Deputación non lla concede.

- 25 de novembro de 2018: A xubilación de Carlos Valle faise efectiva.

- 26 de novembro de 2018: A Deputación envía aos medios unha nota de prensa na que informa de que o posto de Valle se cubrirá a través dunha convocatoria pública e de que as bases se publicarán "de xeito inminente".

- 29 de xaneiro de 2019: César Mosquera e Xosé Leal comparecen ante os medios para informar da publicación das bases da convocatoria para o posto de director do Museo ao día seguinte. Anuncian a separación da dirección artística da económica na institución e recuperan a figura de xefe administrativo. Comeza a traballar o 1 de febreiro e é Sonia Mateos.

- 30 de xaneiro de 2019: Publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases que regularán a contratación do novo director.

- 4 de febreiro de 2019: Rolda de prensa dos traballadores do Museo, na que critican duramente as bases que regularán a selección do sustituto de Carlos Valle. Falan de inxerencia política, cargan contra o vicepresidente, César Mosquera, e o deputado Xosé Leal, e falan de "dedazo".

 

Comentarios