Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

Ana Pontón: "O abuso da peaxe da AP-9 ten dous beneficiarios: Audasa e o Estado"

Ana Pontón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Ana Pontón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Bloque dará un novo paso contra a suba das peaxes da AP-9 celebrando este mércores en Pontevedra un acto ao que asistirán representantes nacionalistas desta provincia e da Coruña e membros das dúas deputacións

Por que o BNG decidiu organizar este acto en Pontevedra?
Queremos formalizar unha asemblea de cargos contra a peaxe da AP-9, que é unha auténtica estafa legalizada polo BOE ás economías das familias deste país, que están entre as máis baixas do Estado. Pretendemos facer unha fronte política e social para reclamar un cambio da xestión da AP-9, que ten que pasar porque se paralice esta abusiva suba das peaxes e porque reclamemos a transferencia como primeiro paso para poder cambiar a situación, xa que a resposta de Rajoy para 2018 é subir as peaxes galegas o dobre que a media do Estado.

Para facer esa fronte política e social común, o BNG tamén invitou a sumarse ao PSOE e a Marea. Estarán xuntos os tres partidos hoxe nisto?
Temos moi claro que está é unha cuestión de país e, como tal, gustaríanos que se sumasen persoas e cargos públicos que compartan con nós a postura de que é intolerable manter este espolio que significa a AP-9. Eu falei directamente desta cuestión tanto con Gonzalo Caballero como con Luís Villares e neste momento non teño confirmación de se van participar neste acto, pero o obxectivo fundamental é que sumemos forzas e que este sexa un paso máis para plantarlle cara a un Estado que nos últimos anos levou adiante unha xestión máis que cuestionable da AP-9. Desde que goberna o señor Rajoy subíronnos as peaxes un 36%, aínda que o IPC subiu tres veces menos, e estamos ante un abuso constante que ten dous beneficiarios: por un lado a concesionaria, Audasa, que mantén uns beneficios absolutamente escandalosos; e por outro o Estado, que tamén está facendo caixa a través dos impostos que paga Audasa e que non acaban revertendo no noso país. É importante que plantemos cara e sexamos a voz do que pensan as máis de 20.000 persoas que cada día son reféns da AP-9 e ás que cada vez que pagan unha peaxe estáselles dicindo: mans arriba, isto é un atraco.

O acto convocado para hoxe é contra a suba das peaxes, pero moitos usuarios reclaman xa non só que non aumente o prezo, senón que se liberalice igual que se fixo no seu día para O Morrazo.
A AP-9 está absolutamente amortizada e teriamos máis preto ese obxectivo de acabar coas peaxes se non fose porque no ano 2000 o señor Aznar decidiu ampliar a concesión ata 2048 e, polo tanto, esgotar ao máximo os 75 anos que legalmente están establecidos. Só hai tres autoestradas no Estado español que esgoten ese máximo e dúas delas están en Galicia: unha é a AP-9 e outra a AP-53. Agora, o obxectivo claro é poñerlle fin ás excesivas peaxes da AP-9 e no curto prazo temos que esixir que se cambie esta situación de auténtico abuso: deberíase paralizar a suba do 4% e poñer en marcha novos treitos libres e bonificacións como as que teñen todas as autoestradas do resto do Estado. A AP-9 é a que ten menos bonificacións e, ademais, estas nunca foron ao cargo dos beneficios da concesionaria, senón ao cargo do incremento de peaxes noutros tramos ou do financiamento público. Iso é un negocio redondo para Audasa, pero nefasto para Galicia.

Sobre a transferencia da autoestrada á comunidade autónoma, a Xunta argumenta que xa a reclamou e foi o Estado o que se negou...
As dúas administración están xogando a tirarse a pelota e no fondo este é un engano masivo á sociedade galega, pois non hai ningún impedimento político, nin legal nin económico para que non se poida facer a transferencia. De feito, estamos vendo como vascos e cataláns xestionan as súas autoestradas desde hai décadas e todas as escusas que foi poñendo o PP acabáronse desvelando como mentiras. O veto da AP-9 é unha decisión política que avala o señor Feijóo cando non lle planta cara e acepta sumisamente, así que tanto el como Rajoy son responsables de que non se produza esta transferencia e isto non deixa de ser un agravio a este país, pois non entendo para que aprobamos leis no Parlamento galego se nin tan sequera se permite defendelas e, sobre todo, por que o presidente da Xunta cala e outorga.

Elnosa e o transvasamento do Verdugo
"A autorización a Elnosa é outra traizón a Pontevedra e non imos achantar nin baixar a cabeza"

Ademais da peaxe da AP-9, Pontevedra ten outras cuestións que están en pleno debate, como a autorización ambiental concedida a Elnosa por parte da Xunta.
Esa é unha nova traizón a Pontevedra. Primeiro foi a prórroga inmoral e indecente a Ence e agora a autorización a Elnosa. O PP mentiulle á cidadanía pontevedresa durante todos estes anos e pretende consolidar un complexo contaminante na ría que é un perigo para a saúde e para o medio ambiente e un hándicap para o desenvolvemento da economía relacionada coa pesca e o marisqueo na ría e para o desenvolvemento turístico deste espazo. Nese claro compadreo do PP con Ence e Elnosa, tamén nos van ter en fronte tanto no Parlamento como desde o propio Goberno municipal de Pontevedra, que non vai achantar nin baixar a cabeza.

O BNG está contra o transvasamento do río Verdugo. Cal é a alternativa ante os episodios de seca cada vez máis frecuentes?
Por motivos ambientais, ecolóxicos e de racionalidade, non se debería de producir ese transvasamento. O problema da seca e da xestión da auga é importante, porque estamos vendo que hai concellos como Vigo que perden un 30% da auga nas tubaxes e aí hai un ámbito no que traballar para estimular o aforro e unha xestión sostible da auga e non ir cunhas medidas nas que non hai os controis ambientais e técnicos suficientes e que poden causar graves problemas á actividade marisqueira e danar o río Verdugo. Se se quere traballar en serio para paliar as consecuencias da seca e garantir o abastecemento de auga hai moitas maneiras de facelo sen danar o medio ambiente. O transvasamento do Verdugo é unha medida sen sentido e a Xunta debería reconsiderala.

Ana Pontón: "O abuso da peaxe da AP-9 ten dous beneficiarios:...
Comentarios