Ana Pontón: "O noso futuro só depende dos nosos acertos"

A voceira nacional do BNG achegouse onte á Boa Vila para coñecer de primeira man o Plan Revitaliza, "un sistema pioneiro que sitúa a Pontevedra como referente internacional", subliña Ana Pontón nunha conversa na que tamén fala do futuro da política galega, do 8M ou a AP-9

Ana Pontón, este xoves, na recentemente remodelada praza do Hospital Provincial. RAFA FARIÑA
photo_camera Ana Pontón, este xoves, na recentemente remodelada praza do Hospital Provincial. RAFA FARIÑA

VISITA PONTEVEDRA con certa asiduidade. Este xoves achegouse para coñecer de primeira man o Plan Revitaliza que impulsa a compostaxe como sistema de xestión de residuos na cidade, a grande aposta do BNG no Goberno local e da Deputación. "A compostaxe é un proxecto pioneiro que pon en práctica a economía circular", sinala Ana Pontón (Sarria, 1977). "Estou gratamente sorprendida porque está sendo referencia a nivel internacional e ten máis demanda da que se esperaba", engade.

É a compostaxe o sistema de xestión de residuos que precisa Galicia?
É un modelo extrapolable non só a toda Galicia. Os responsables do Plan de residuos de Cataluña viñeron a coñecer o que se fai aquí, hai moito interese nos países centroeuropeos polo que se fai aquí. É un proxecto esperanzador que pon de manifesto que no nacionalismo temos iniciativas das que somos pioneiros, demostramos a capacidade deste país e coidamos do medio ambiente.

E o modelo de cidade de Lores, tamén o ve extrapolable a outras cidades galegas?
Os modelos nunca son extrapolables automaticamente, pero si a idea de fondo que teñen. O BNG foi pioneiro en poñer en marcha modelos que devolven as nosas vilas e as nosas cidades ás persoas. Durante moitos anos tiñamos como exemplo Allariz, agora ten moita potencia Pontevedra, a idea de fondo é a mesma. Hai un modelo de apostar polo que somos, polo pequeno comercio, por vilas con vida, e ese modelo é exportable adaptado ás casuísticas de cada localidade. Cando chegamos a unha alcaldía e temos tempo para poñer en marcha estes proxectos, a cidadanía non nos cambia.

Queda un ano para as eleccións municipais. Que expectativas teñen a día de hoxe?
Somos unha forza política á alza e isto vaise notar nas municipais. Estamos ante un cambio de ciclo no país que ten que empezar aí. Nós temos proxecto, persoas con capacidade, experiencia e honestidade, queremos poñer todo ese bo facer para que Galiza sexa un país onde non haxa emigración, teñamos maior calidade de vida, mellores servizos públicos... O país dá para máis, pero temos gobernos que non acertan á hora de defender os nosos intereses, senón que miran demasiado para Madrid, e ó final nótase.

No nacionalismo temos iniciativas das que somos pioneiros e demostramos a capacidade deste país

Pontevedra é un dos principais bastións do nacionalismo galego. Porén, logo de cinco mandatos, é o momento de deixar paso ás novas xeracións?
Facendo un símil futbolístico, eu non vexo que o Madrid prescinda de Cristiano Ronaldo. Cando tes un bo equipo non podes prescindir dos teus mellores xogadores. Iso non o fai ninguén, nin no fútbol nin na política. Non vexo razóns para cambiar o que funciona cando tes unha equipa sólida, con persoas con referencialidade e ilusión.

A crise catalana pasaralle factura ós partidos nacionalistas e o independentismo galego?
O que nos preocupa é a deriva antidemocrática que estamos vivindo no Estado español. É unha deriva que non só cuestiona a quen ten ideas diferentes, senón que tamén está perseguindo a rapeiros, tuiteiros... Temos un libro censurado porque fala dos vínculos do PP co narcotráfico. Que haxa persoas na cadea pola defensa das súas ideas, sexan cataláns, tuiteros ou titiriteiros... é a maior preocupación. Neste momento o debate fundamental non é sobre Cataluña, senón sobre a defensa dos dereitos fundamentais.

Que lle pareceu o xesto do deputado Luís Bará coas fotos do rei?
Luís, aquí o coñecedes ben, é unha persoa dunha gran talla intelectual e dun corazón inmenso e el o que estaba defendendo é a liberdade de expresión e que ás veces é necesario ter xestos un pouco comprometidos.

Como é a relación do BNG con En Marea hoxe?
Con todos os partidos da oposición, tanto coa Marea como co PSOE, temos unha relación cordial. Somos forzas políticas distintas, pero temos puntos en común e é lóxico que teñamos un diálogo fluído. Desde o BNG sempre estamos dispostos a colaborar e a facer visible que hai alternativas ó PP.

Non creo que a alternativa ó máster de Cifuentes sexa a foto de Feijóo cun narcotraficante

A crise interna das "mareas" pode beneficiar ó Bloque?
Eu o que desexo é que En Marea solucione os seus problemas internos da mellor maneira posible. Non penso que o mal que lle vaia a uns vai ser o ben que nos vaia a nós. Creo que o BNG está avanzando porque fomos capaces de corrixir erros e hai unha bagaxe que se recoñece. O noso futuro vai depender só dos nosos acertos. Ademais, somos unha oposición que se esforza en traer propostas. Por exemplo, é un disparate que non nos poidamos beneficiar da produción de electricidade, así que no próximo pleno imos propoñer unha rebaixa do 15% na tarifa da luz, porque facilitariamos o acceso a un ben de primeira necesidade e sería un revulsivo empresarial.

Cal foi o erro do BNG no pasado?
Tivemos moitos problemas internos que afortunadamente quedaron atrás e creo que non fixemos unha boa lectura da crise. É importante que esteamos á altura do reto de seguir ilusionando.

Está a preparar a maleta Feijóo para marchar a Madrid?
Este é un tema que levo escoitando anos e anos. Pero dáme a sensación de que é bastante complicado que a alternativa a ese máster de Cifuentes sexa a foto de Feijóo cun narcotraficante.

"En cuestións de xénero non abondan as boas intencións e os lazos na solapa"

O pasado mércores a Xunta e os sindicatos da Xustiza romperon as negociacións e, lonxe de arranxarse, parece que o conflito se estanca.

Temos un Goberno irresponsable. Eu non podo crer que por doce euros ó mes o PP queira seguir mantendo a folga de Xustiza. Creo que Rueda o que nos demostrou neste conflito é que non é unha persoa dialogante, non é capaz de facer o seu traballo e, máis que atopar unha solución, parece que el é parte do problema. Imos defender no pleno do Parlamento de Galiza a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais porque esta folga precisa unha solución xa. Resulta sorprendente que nun conflito destas características o señor Feijóo estea "missing".

É a primeira muller á fronte do BNG e xunto a Mónica Oltra, a única que lidera un proxecto nacional. Como viviu o 8M?
Con moita ilusión. Foi un punto de inflexión que denota o malestar das mulleres coa situación de desigualdade. O importante é que iso se transforme en políticas reais. É moi importante manter vivo o debate e que os 364 días restantes tamén sexan 8M. Non abondan as boas intencións e os lazos na solapa. Creo que as administracións poden facer máis do que están facendo. E temos que poñer máis esforzos na loita contra a violencia de xénero. Temos un pacto de Estado e non hai recursos. De que nos vale? Outro lazo na solapa?

Un dos temas polémicos para esta zona é a AP-9. Que solución lle ve o BNG?
Todo o que rodea á AP-9 paréceme unha tomadura de pelo: que teñamos unhas peaxes tan altas, que cada vez que se fagan obras as paguemos dos nosos petos e que non se acepte a transferencia. E é un síntoma de como desde Madrid desprezan a este país. Esta autoestrada privatízaa Aznar a prezo de saldo, e agora ademais sabemos que o Goberno de Rajoy, e con Ana Pastor como presidenta do Congreso, estivo vetando de maneira ilegal a solicitude de transferencia que se facía desde o Parlamento de Galicia e que se facía con argumentos falsos. E o máis grave é que o presidente da Xunta votaba unha cousa no Parlamento e logo era cómplice de que esa solicitude non chegase a bo porto. Actúa como un cabalo de Troia. Pero non imos tirar a toalla.