Anabel Gulías fala do modelo Pontevedra nun congreso de comercio local

A concelleira participou no I Congreso galego de Centros Comercias abertos
Anabel Gulías, durante a reunión. DP
photo_camera Anabel Gulías, durante a reunión. DP

O fomento do comercio local a través do modelo de cidade centrou unha nova comparecencia de membros do Goberno local nun encontro para falar do urbanismo da Boa Vila. Neste caso, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, participaba telematicamente no I Congreso galego de Centros Comerciais abertos e urbanos de Galicia co obxecto de explicar a relación entre o modelo de Pontevedra e o fomento do seu comercio local.

O congreso, organizado polo Centro Comercial Aberto de Arteixo, reuniu durante dúas xornadas a diferentes relatores e relatoras para abordar cuestións relacionadas coa promoción e apoio ao comercio local, como campañas de dinamización, a especialización para o pequeno comercio, incentivos ás vendas ou funcionamento para fortalecer o modelo de centro comercial aberto.

Neste contexto, a cidade de Pontevedra foi convidada a participar nunha mesa redonda sobre A adaptación das zonas urbanas á vida Covid e post Covid, experiencias dos Concellos, na que a concelleira de Promoción da Cidade expuxo os parámetros básicos do deseño urbano pontevedrés e en que medida contribúen ao desenvolvemento do comercio na cidade. Na súa interveción salientou a aposta por dispor dun espazo público vivo e accesible para persoas con todo tipo de capacidades que, ao mesmo tempo, actúa como escaparate natural dos establecementos hostaleiros e comerciais.

Ademais, Gulías tamén explicou como a rúa e as prazas da cidade se utilizan como escenario de diversas actividades festivas, culturais e deportivas, co obxecto de contribuír á dinamización económica xerando actividade que repercuta no sector comercial.

Tamén se referiu á colaboración e diálogo coas asociacións sectoriais da cidade de cara a atender as demandas de competencia municipal e á necesidade de evitar a instalación de grandes superficies comerciais no Concello, favorecendo a permanencia do comercio local.

Anabel Gulías compartiu mesa redonda co ex presidente da asociación Zona Monumental Pontevedra, Ernesto Filgueira, e co presidente de Zona Triana, Carlos Bethencourt, presidente de Zona Comercial Abierta Triana, na cidade andaluza de Sevilla.

Comentarios