"Hai días que é difícil camiñar con parsimonia pola cidade pola xente que enche as rúas"

"Imos favorecer o turismo familiar e aproveitar as sinerxías do Camiño"

"Pontevedra é un destino moi visitado porque facemos a estancia cómoda aos turistas", asegura Anabel Gulías. A concelleira de promoción da cidade e do turismo destaca a localización e a climatoloxía "envexables" da capital das Rías Baixas e fíxase o reto de levar a esta cidade cara a excelencia turística.
Anabel Gulías
photo_camera Anabel Gulías

O turismo é un sector clave para a economía de Pontevedra. A concelleira deste área, Anabel Gulías, fala das previsións da temporada de verán.

Nótase a afluencia de turistas?
A verdade é que se nota que comezamos a campaña de verán, que require da organización dunha serie de actividades por parte desta Concellaría, que poremos en marcha moi pronto. A afluencia de visitantes á nosa cidade é cada vez maior. As cifras de turistas que se rexistraron en Semana Santa foron espectaculares e seguimos durante esta etapa desenvolvendo eventos deportivos e doutra índole que fan que a cidade estea chea de persoas. A semana pasada desenvolveuse o Surfing do Lérez Festival, que puxo de manifesto que Pontevedra é un destino moi visitado.

É debido ao modelo de cidade?
Non só por iso, que xa é en si mesmo un reclamo, senón tamén pola amplia oferta de actividades que se desenvolven no verán. Cada vez achégase máis xente á nosa cidade a pasar unha ou varias tardes ou varios días, persoas tanto de Galiza como de fóra.

Son visitantes fieis?
Cada vez é máis xente a que repite visita a Pontevedra, aínda que é complicado comprobar este aspecto porque cando volven xa coñecen o destino e xa non ván á Oficina de Turismo a recoller información. Polos datos de ocupación hoteleira e polo que me din os comerciantes pódese concluír que o perfil do visitante está cambiando cara a un modelo de turista de fóra do Estado español que cada vez pasa máis tempo na cidade e fai vida nela. Iso é debido a que lle facemos a estancia o máis cómoda posible aos visitantes.

"O modelo de turista está cambiando. Cada vez son máis os extranxeiros que visitan Pontevedra"



Desenvolve Pontevedra o papel de ‘campamento base’ desde o que os turistas se desprazan a outras localidades da contorna?
Apostamos por xeodestinos como, por exemplo, Terras de Pontevedra, e por traballar en común para que a xente que veña a Pontevedra, á parte de facer vida na cidade, poida visitar os arredores. Vivimos nun sitio privilexiado, non só pola climatoloxía senón por onde se atopa situada a cidade. De feito, na temporada pasada xa fixemos un intento por facer de Pontevedra un centro entre as comarcas do Salnés e do Morrazo para que o visitante non teña necesidade de escoller entre ir a unha ou a outra. Estando aloxado en Pontevedra pódese ir uns días ás praias e a zona do Salnés e outros días ás do Morrazo. Tamén se poden visitar os petróglifos de Campo Lameiro, Mogor e Tourón, e as cidades de Vigo e de Compostela. En resumen, temos unha localización e unha climatoloxía envexable que fai de Pontevedra un destino de interese.

Está aproveitado todo o potencial turístico que ten Pontevedra ou aínda hai marxe para mellorar a oferta?
Todo se pode mellorar e debemos camiñar cara á excelencia. Ese é o obxectivo. Nesta campaña de verán imos mellorar a páxina de Turismo de Pontevedra para facela máis actual e funcional. Tamén estamos traballando constantemente na mellora da atención ao turista e durante este período tamén imos centrarnos en dous obxectivos básicos: por unha banda, a posta en valor e o realce de Pontevedra como capital do Camiño Portugués de peregrinación, porque é un tema que temos que abordar con seriedade para aproveitar as moitísimas sinerxías que se crean. Xa se detecta un aumento importante no número de camiñantes e intentaremos que iso reporte beneficios para a cidade. Por outra banda, queriamos traballar na oferta de actividades para captar o turismo familiar.

A que se refire?
Un dos puntos fortes do noso modelo de cidade é o da especial atención aos nenos e nenas. Queremos fusionar a promoción da cidade coa promoción turística, aproveitando a vantaxe que nos dá o noso modelo urbano, que se distingue pola capacidade e autonomía que lle facilita ás crianzas, e complementalo con diferentes actividades que iremos anunciando pouco a pouco.

Comentarios