Miércoles. 17.10.2018 |
El tiempo
Miércoles. 17.10.2018
El tiempo

"ESTAMOS ABERTOS A AMÉRICA LATINA E A ONDE SE NOS CONVIDE PARA POÑER A PONTEVEDRA NO MAPA"

Gulías: "Ninguén está pensando na sucesión de Fernández Lores"

Anabel Gulías na Praza de Barcelos
Anabel Gulías na Praza de Barcelos
Está "convencida" de que Lores será alcalde en 2019 e di que o modelo urbano é froito do traballo e non do marketing. "Nin pagando poderiamos ter o posicionamento que Pontevedra ten agora mesmo", di a edil máis nova do goberno local

É unha das pezas fortes do equipo de Miguel Anxo Fernández Lores, que vén de darlle máis peso no Goberno local. Anabel Gulías (Forcarei, 1981) asume a súa etapa como nova edil de Urbanismo e vicevoceira da dirección comarcal do BNG "con moitas ganas de seguir traballando". "Máis que vertixe, hai responsabilidade", sinala.

Vese como a sucesora de Lores?
Non. É un debate estéril e inútil. Ninguén está pensando na sucesión. Estamos coa cabeza posta en aproveitar ó máximo o mandato que temos por diante e os que nos quedarán.

Unha recente enquisa de Sondaxe dálle o mesmo resultado electoral ó Bloque que en 2015. Cre que Lores repetirá como alcalde en 2019?
Estou convencida de que si. Pero non porque o diga unha enquisa, senón porque o traballo vese. O camiño que se iniciou é moi obvio. Hai sinais moi evidentes de que isto funciona. Estamos vendo como nas últimas tempadas estivais a cidade estaba chea de xente e como, cada vez máis, a xente se interesa por vir a Pontevedra, ademais de como medra a poboación e como a xente vén vivir a Pontevedra. Que vai repetir? Creo que si. Porque as cousas están ben feitas. Hai moito máis que facer. Estanse dando pasos para levar o modelo ás zonas do rural. Creo que a xente confía no aval do BNG e no aval de Lores.

Moita xente vén vivir a Pontevedra. Pero é Pontevedra un bo sitio para traballar?
Pontevedra é un sitio excepcional para traballar. Dígollo eu, que traballei noutras cidades. A min o que me trasladan é que Pontevedra é unha cidade cómoda para vivir e para traballar. É unha cidade que está pensada para que desenvolvas a túa actividade con máis pluses.


O modelo e o marketing "Se isto fose un ‘bluf’ tería caído hai tempo. Non estamos falando dun ascenso de dous anos, senón de 20 anos traballando"


A maior parte dos traballadores de Pontevedra están vinculados ó sector público e ós servizos. Iso xoga a favor ou en contra?
Non creo nin que xogue a favor nin en contra. É froito da propia estrutura empresarial e comercial da cidade. Se me pregunta se tendemos cara unha cidade con industria pesada a resposta é outra. En Europa fúxese desa tendencia, sobre todo de manter certo tipo de industria. Está probado que ten efectos negativos no propio crecemento económico, social, ecolóxico e medioambiental. Pontevedra aposta polo pequeno comercio e por desenvolver estruturas que fomenten un turismo desestacionalizado e estable, que, por certo, crea moitísimos postos de traballo e ten moitísimo peso. Pontevedra sitúase nun ámbito moito máis privilexiado neste sector porque temos altofalantes que nos sitúan como destino imprescindible. Temos que seguir apostando polo pequeno comercio, o desenvolvemento social e económico da cidade e tamén pola área creativa e cultural. Entendemos que é un sector que está por desenvolver. Hai moitos vimbios para chegar a un punto de crecemento óptimo. É un sector que xera moitísimos postos de traballo. Aspiramos a que a xente que se está a formar nestas disciplinas, as vinculadas por exemplo ó Campus Crea, monte o seu negocio en Pontevedra e quede a vivir aquí.

O paro segue a ser un problema. E a pesares de que a taxa se reduce, a precariedade vai en aumento. Que pode facer o Concello para combatelo? Que se está a facer?
Estanse a facer moitas cousas en materia de promoción económica. Nós sempre mantivemos o mesmo discurso no tema do paro, cos datos máis ou menos favorables. O problema do desemprego está moi lonxe de ser unha competencia municipal. Non hai ferramentas eficaces que poida pór en marcha un concello para diminuír o desemprego. Xa non só Pontevedra, senón o resto de municipios.

O modelo de cidade atrae turistas?
Sen dúbida. Eu teño comprobado nestes dous anos como, cada vez máis, a xente se achega a Pontevedra porque a viu na televisión ou porque leu unha reportaxe sobre o modelo de cidade. Hai pouco tivemos á televisión suíza e a coreana. Non hai cartos que paguen o posicionamento de cidade que ten Pontevedra neste momento. Eu creo que nin pagando todos os millóns do mundo poderiamos ter a referencialidade que temos neste momento. E isto non é froito dun día. Foi froito dun traballo de case 20 anos apostando por un modelo de cidade alternativo. Pontevedra é unha cidade única.


O emprego na cidade "Pontevedra é un sitio cómodo para vivir e para traballar. Está pensada para que desenvolvas a túa actividade con máis pluses"


Hai máis marketing que modelo?
Sería imposible. Se isto fose un ‘bluf’ tería caído hai moito tempo. Non estamos falando dun ascenso en dous ou cinco anos. Estamos falando de 20 anos de traballo, dun modelo con obxectivos claros e seguros. E agora estamos a recoller todos eses froitos.

O PP pide que se lle saque máis partido ó turismo relixioso. Que opina?
A moción do Partido Popular pedía que se fomentase o turismo pola aparición da Virxe. Iso era o que pedía. Que tiveramos en conta a aparición da virxe. E eu creo que, para falar de turismo de planificación estratéxica, hai que ter certo rigor e seriedade. Poñer que o neno Xesús se lle apareceu á Virxe na propia exposición de motivos e querer despois vestila como que é un recurso económico... Paréceme incongruente e unha tomadura de pelo. Pontevedra aposta polo turismo. E teno demostrado en todas as súas acepcións e vías. E boa mostra diso é o Camiño Portugués, que é turismo relixioso, se se quere. Pero non lle poñemos apelidos. Apostamos por un turismo que deixe pegada na cidade. O que non estamos dispostos é a asumir o risco de ter autobuses de xente que vén a unha capela, monta no autobús e marcha. Pontevedra é un referente internacional, a pesares incluso do PP.

[Pregunta engadida a posteriori] O edil do PP Rafael Domínguez cuestionou no Pleno do pasado luns a súa xestión turística e botoulle a culpa a Lores por "traela de Forcarei". Que lle pareceron as súas palabras?
Desafortunadas. Eu estou moi orgullosa da miñas orixes.

Por que aínda non se pechou a fusión das oficinas turísticas coa Xunta?
É unha cuestión de vontade política. O Concello de Pontevedra apostou e seguirá apostando pola reunificación. Custe o que custe.

Cando se abrirá a planta superior da Praza de Abastos a novos usos?
Hai certa expectación e moi bo ambiente para dar un pasiño máis no repensado da planta de arriba. Dependemos dos fondos Dusi. O proxecto está preparado para saír. Dependerá do proceso administrativo. Queremos que sexa financiado por Europa para non levar sustos. Tamén está a piques de saír o traslado da lonxa, que tamén é importante. Nun ano e medio sacamos un regulamento novo, temos un proxecto novo para a planta de arriba e logramos fondos europeos.

Vostede compra no Mercado?
Teño que confesar que non cociño, porque como todos os días na casa da miña nai. Entón, non. Eu non compro.

Gulías: "Ninguén está pensando na sucesión de Fernández Lores"
Comentarios