Analizan o potencial do eucalipto para estimular a produción de mel en Galicia

Investigadores da EE Forestal destacan que o distinto período de floración desta especie axuda a salvar moitas colmeas das velutinas
Enrique Valero, á dereita, xunto con outros investigadores do grupo AF-4 da EE Forestal. DUVI
photo_camera Enrique Valero, á dereita, xunto con outros investigadores do grupo AF-4 da EE Forestal. DUVI

Investigadores do grupo AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal reuniron nun informe toda a información existente sobre a produción apícola en Galicia e a incidencia que nesta pode ter o eucalipto. "O estudo trata de ver cal é o potencial das especies forestais na produción melífera en Galicia, do que se sabe moi pouco", recoñece o investigador principal do grupo, Enrique Valero, en declaracións ao Duvi. Tras esta análise inicial, o seu obxectivo será coñecer a capacidade de producir pole e néctar dos eucaliptos, dado o seu adiantado e longo período de floración, e máis en concreto do Eucalyptus nitens, unha especie presente en zonas con maior altitude.

Na comunidade autónoma existen máis de 4.000 apicultores, están rexistradas máis de 160.000 colmeas e prodúcense máis de 2.000 toneladas de mel ao ano. A provincia de Pontevedra é, xunto á da Coruña, a que ten menos colmeas, unhas 20.000, e unha menor produción, según os datos recompilados no informe.

Xunto a Valero, os estudantes da escola Manuel Viso e Sergio Lamosa e os tamén investigadores do grupo AF-4 Xana Álvarez, Francisco Abilleira e Fátima Otero participaron na elaboración deste estudo, que tiña como obxectivo "coñecer onde estamos, saber cal é a situación da apicultura, as especies forestais melíferas e do eucalipto en particular, para a partires de aí saber que faría falta estudar", sinala Viso. Nese senso, Valero subliña que en Galicia "existen especies cuxa contribución á produción melífera é moi importante", como por exemplo o castiñeiro, o breixo, o érbedo ou a "primeira árbore que florece no ano", o eucalipto. O seu período de floración pode prolongarse "ata catro meses", polo que contribúe a que as poboacións de abellas "se mostren activas moi cedo, despois da quenda de hibernación" e, deste xeito, "desenvolvan colonias fortes ao inicio da primavera".

O Eucalyptus nitens, máis resistente
"O menor crecemento do sector apícola na Coruña e Pontevedra débese ao efecto da avespa asiática, que afecta á totalidade da zona costeira", sinala o informe. De feito, a zona de expansión da avespa asiática é tamén a que concentra a maior parte das masas de Eucalyptus globulus".

Non obstante, engade Valero, estase a producir "unha substitución importante en milleiros de hectáreas de Eucalyptus globulus por Eucalyptus nitens, dada a súa maior resistencia ao frío e as pragas, como o gonipterus", explica Valero. Esta especie atópase en puntos de maior altitude, principalmente no interior de Lugo e A Coruña.
 

O estudo, para o que os investigadores contaron coa colaboración do enxeñeiro de montes Abel Yáñez, reúne datos sobre a situación do eucalipto, a produción melífera e os beneficios do mel monofloral desta especie. Tamén aborda a distribución xeográfica da avespa velutina, cuxa "afectación nas colmeas está a ser absolutamente demoledora, se ben ao ser a floración do eucalipto anterior ao período de actividade da velutina, está a salvar moitísimas alvarizas", recoñece Valero.

CON PROFESIONAIS. O informe destaca que a maior parte dos apicultores en Galicia "non son profesionais" e obteñen "unha produción de mel relativamente baixa, pero de excelente calidade, extremadamente apreciada fóra da nosas terras". Tras rexistrase un descenso no número de apicultores a década pasada, a cifra aumentou dende 2010, ata situarse por riba das 4.300 persoas.

Ao mesmo tempo, aumentou tamén o número de explotacións apícolas e, nunha maior porcentaxe, o número de colmeas, que creceu un 71% entre 2008 e 2017. Esta evolución, recolle o informe, converteu a Ourense na provincia con maior número de colmeas, máis de 70.000, e maior produción de mel, 1.062 das 2.285 toneladas producidas en 2017. Lugo, con máis de 45.000, é a segunda provincia con maior produción.