jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

Analizarán as posibilidades edificatorias no campus para acoller novas titulacións

Jorge Soto, Manuel Reigosa, Miguel Anxo Fernández Lores e Yoya Blanco na reunión de onte no Concello. DAVID FREIRE
Jorge Soto, Manuel Reigosa, Miguel Anxo Fernández Lores e Yoya Blanco na reunión de onte no Concello. DAVID FREIRE

O reitor da UVigo realizou unha visita ao Concello de Pontevedra na que falou da necesidade de novos espazos na cidade

A Universidade de Vigo contempla, a posibilidade de desenvolver, a medio prazo, novas construcións no campus de Pontevedra coa vista posta na apertura do mapa de titulacións, prevista para dentro de dous ou tres anos. Así se desprende do resultado da reunión celebrada este xoves no Concello de Pontevedra. O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, realizou unha visita institucional acompañado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, na que se entrevistou co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira responsable da área de Universidade, Yoya Blanco.

Neste encontro, os representantes destas dúas administracións abordaron diversos temas relativos ao campus e á cidade, como a necesidade de novos espazos ante a intención da institución académica de ampliar a oferta académica de Pontevedra con novos graos, unha vez se abra de novo o mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego. De aí que, segundo informou o Concello nun comunicado, nesta xuntanza se analizasen as posibilidades edificatorias dos terreos que a Universidade ten na cidade.

Nesta consideración atópase a parcela na que estaba proxectado construir o Edificio das Artes, xunto ao río Lérez, que o Concello acondicionou o verán pasado para crear un novo aparcamento disuasorio de 150 prazas.

Reigosa confirmou a aposta por implantar Deseño e Creación, impulsar o Green Campus e instalar un pantalán na Illa do Covo

Cando se anunciara aquela obra, pouco despois do cambio de Goberno na Reitoría, xa se dixera que era unha actuación «reversible» para dar servizo aos condutores que aparcaban ao final dos terreos de Tafisa.

Ademais de supoñer un impacto paisaxístico menor, permitiríalle á institución académica dispoñer nun futuro dos terreos. "Ese é un espazo que no seu momento recuperaremos para posibles actuacións académicas, polo que cando se abra de novo o mapa de titulacións falaremos de novo co Concello para ver como podemos actuar nese espazo", afirmara Jorge Soto hai un ano, xusto despois de que Reigosa anunciase a intención de retomar o proxecto do Edificio das Artes nun horizonte de ata dúas décadas.

Na xuntanza de onte, o reitor confirmou así mesmo a aposta da Universidade polo grao en Deseño e Creación, que se proxecta implantar no campus no curso 2020-2021, así como o impulso e o desenvolvemento do proxecto Green Campus.

SINALIZACIÓN. Os responsables da institución académica incidiron neste encontro en que Pontevedra é o único campus que conta en España coa bandeira que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education), a través da asociación ADEAC, e solicitaron a colaboración do Concello, que podería participar en decisións como diminuír o ruído na avenida de Compostela. Reigosa e Soto solicitaron así mesmo unha mellor sinalización do campus, así como a posibilidade de abrir este espazo ao río Lérez, empregando a canle da Illa do Covo para instalar un embarcadoiro que poida empregarse para deportes náuticos. Esta medida xa se tiña comentado tamén na reunión no Concello do ano pasado.

No encontro tamén estivo presente a nova concelleira responsable de Universidade, Yoya Blanco, que asegurou que a xuntanza foi "moi produtiva" e confimou que este primeiro contacto continuará nos vindeiros meses con máis reunións bilaterais.

Analizarán as posibilidades edificatorias no campus para acoller...
Comentarios