A andaina inclusiva e a chocolatada da Vida é Movernos e Asampo reúne a 200 persoas

A camiñada cubriu unha distancia de 3,7 kilómetros
Participantes na andaina inclusiva. DP
photo_camera Participantes na andaina inclusiva. DP

Preto de 200 persoas participaron este sábado na andaina inclusiva e a chocolatada organizadas pola Concellería de Deportes e a Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) no marco do programa municipal A Vida é Movernos.

O evento, que contou coa asistencia do tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, contou coa implicación das seguintes entidades e colectivos: Asociación Española de Enfermidades Neuromusculares (Asem), Asociación Juan XXIII, Amencer-Rodando, Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Asociación de Artrogripose Múltiple Conxénita, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (Anedia), Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra, Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII), Amizade, Asociación de Familias con Perthes (Asfape), Asociación de Esclerodermia, Federación Española de Enfermidades Raras, Asociación Sindrome Marfan, Asociación Mónica Vidal e Asociación de Esclerose Tuberosa.

A camiñada, impulsada coa finalidade de promover unha sociedade máis inclusiva e un maior achegamento entre as entidades sociosanitarias e deportivas de Pontevedra, cubriu unha distancia de 3,7 kilómetros, saíndo ás 10:30 horas desde a Praza da Peregrina, atravesando a ponte do Burgo, percorrendo a variante da Ruta Xacobea polo paseo peonil da Xunqueira e regresando por Ponte Magueiro, a ponte das Correntes, Arcebispo Malvar e a Praza de España, onde os participantes remataron a xornada desfrutando cun chocolate quente con rosca.

Asampo instalou na Praza de España unha mesa informativa para todas aquelas persoas que quixeran facerse doantes de órganos e na que tamén podía atoparse a tradicional Bolsa dos Desexos. Os desexos depositados, entre os que xa se atopan os de Tino Fernández e Marcos Rey, serán levados no mes xaneiro a relevos desde a catedral de Tui ata a catedral de Santiago en 24 horas, depositándose na capela da Corticela, onde alguén os recollerá para acender con eles o botafumeiro.

Asemade, unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Ados) estivo instalada durante toda a mañá na Praza de España.
 

Comentarios