Andrea Muras: "A maternidade na ciencia págase bastante cara"

Investigadora pos-doutoral na Universidade Pública de Navarra, a pontevedresa participará este venres nun faladoiro no Pazo da Cultura con outras tres científicas e divulgadoras e alumnado de ESO e Bacharelato
Andrea Muras, doutora en Microbioloxía e divulgadora en Ciencia Miúda. CEDIDA
photo_camera Andrea Muras, doutora en Microbioloxía e divulgadora en Ciencia Miúda. CEDIDA

Nacida en Pontevedra en 1989 e doutora en Microbioloxía, Andrea Muras Mora volve este venres á súa cidade natal para participar nun encontro de divulgadoras científicas organizado polo Concello e GCiencia con motivo do Día da Muller e a nena na ciencia. Será ás 12.00 horas no Pazo da Cultura e está convidado alumnado do segundo ciclo da ESO e de Bacharelato. Ten un máster en biotecnoloxía e outro en cultura científica e actualmente traballa como investigadora pos-doutoral na Universidade Pública de Navarra onde estuda o comportamento das bacterias para tratar de previr infeccións.

Mañá participa nunha actividade divulgativa na súa cidade. Que importancia cre que ten a divulgación no eido científico?
A divulgación é algo importantísimo. Un dos motivos que máis nos recalcan nos laboratorios é que a maior parte do orzamento que temos para facer investigación é diñeiro público. Os científicos debemos explicarlle á xente que estamos a facer cos seus cartos. Debemos devolverlle á sociedade unha explicación.

No seu caso fai divulgación a través do blog Ciencia miúda, no que que conta curiosidades, desde a famosa Ley de Murphy á física das bacterias. Por que e cando se decidiu a meterse neste extra?
Desde pequena encantábame ler curiosidades científicas e compartilas coa miña familia e os meus amigos. En 2018 descubrín que había xente que se dedicaba a iso como unha profesión, non como un hobbie, quixen probar e creei o proxecto de Ciencia miúda. É tamén unha actividade social, explicarlle á xente cousas que poden ser boas para a súa saúde, como funcionan tecnoloxías de hoxe en día, espertar vocacións científicas, porque a ciencia non é nada aburrido e está ben saber de todo un pouco.

"A xente non está afeita ao proceso científico e a que cambie a evidencia; fai falta máis divulgación nese sentido"

Segue habendo maioría masculina na profesión científica ou vaise reducindo a fenda de xénero?
Parece mentira que a estas alturas aínda esteamos con estas cousas pero si que hai moita diferenza aínda. En moitas carreiras científicas, e no doutoramento, somos maioría de mulleres, pero a medida que van pasando os anos quedámonos no camiño. É como a metáfora dunha tubaxe que vai perdendo auga en diferentes fases. Cando máis avanza, que sería a carreira investigadora, máis mulleres van quedando no camiño. En Biolóxicas, que é a miña rama, as mulleres somos o 60% ou 70% cando estamos facendo o doutoramento, pero despois en postos de dirección hai só un 20%.

A que cre que se debe?
As mulleres, non só pasa na ciencia, senón na sociedade en xeral, temos que enfrontarnos a algúns problemas digamos invisibles. Por exemplo eu, que son nai recente, sei que a maternidade na ciencia págase bastante cara.

No seu caso afectoulle directamente ser nai?
Si, a verdade é que si.

Á parte de consecuencias entendo que máis considerables, detecta outras situacións, mesmo micromachismos, no día a día do traballo das científicas?
Eu tiven mala sorte con isto da maternidade, pero como sempre estiven bastante rodeada de mulleres no laboratorio, por sorte non padecín micromachismos. Pero sí que sei de xente de carreiras maioritariamente masculinas, como Física, que sofre bastantes micromachismos.

Que lles contarán mañá á rapazada dos institutos?
Cre que nos vindeiros anos se poderá ir corrixindo esta descompensación entre a porcentaxe de graduadas e doutoras e a de postos de dirección? Gustaríame concienciar á rapazada de que estes problemas aínda existen a día de hoxe, porque ás veces pénsase na ciencia como algo obxectivo. Se os nenos están ben educados son parte da solución. E animar ás nenas a que fagan os estudos que elas queiran se realmente queren ser xefas dun grupo de investigación. Sería importante visibilizar a xente que chega ata alí, porque lle preguntas a calquera persoa por unha científica e non saben dicir ningún nome máis aló de Marie Curie.

"É importante visibilizar ás que chega ata alí porque preguntas por unha científica e non saben dicir máis aló de Marie Curie"

A microbioloxía leva dous anos de actualidade polo covid...
Lamentablemente si.

Como valora o feito de que a ciencia estea no escaparate durante toda esta pandemia, que por unha parte se visibiliza o seu traballo pero por outra o feito de seguir os procesos científicos en directo fai que a xente ás veces cuestione. É máis positivo ou negativo?
Un pouco de todo. Viuse a importancia da investigación, porque se se conseguiu unha vacina tan rápido foi pola súa obra e graza, pero creo que moita xente non entende os tempos que necesita a ciencia, nin que é normal que un día haxa uns resultados e outro día cambie a evidencia científica. A xente non está afeita ao proceso científico. Ao mellor habería que facer máis divulgación nese sentido. Non só con datos, senón explicando como funciona a ciencia. Para que esa xente que, digamos, perdeu a fe. A ciencia é cambiante, porque cada vez temos novas tecnoloxías e os descubrimentos cambian os coñecementos anteriores.

Comentarios