O Pontevedra CF despide un ano de grandes trocos

O cese de Pouso e a chegada de Jesús Ramos, a despedida de Edu, o retorno de Charles e o novo formato da competición marcaron un 2020 no que a Covid-19 baleirou os campos
undefined
photo_camera O once do último duelo de Edu. DP

O Pontevedra Club de Fútbol despide un ano marcado pola Covid-19 para tódolos sectores da sociedade, coas bancadas medio baleiras, aínda que coa ilusión de que 2021 traia á cidade do Lérez aquilo que non lle ofreceran os últimos doce meses: éxitos deportivos.

O conxunto granate viviu un primeiro trimestre de inestabilidade deportiva, con malos resultados, e un último no que a moeda deu a volta e permitiu respirar certo optimismo na sempre sufrida sociedade granate. 2020 tivo dous adestradores diferentes, dúas competicións oficiais distintas e unha renovación amplísima do plantel que implicou un evidente troco de ciclo e a despedida de algúns xogadores que forman parte da historia da entidade.

O ano comezou con malos resultados deportivos e peores sensacións. O bloque dirixido aínda por Carlos Pouso caía na casa perante o Internacional de Madrid na Liga e o Ibiza na Copa na primeira quincena de xaneiro.

Foi o inicio dunha serie de nove partidos sen gañar que comezara co último envite do 2019 perante o pechacancelas, San Sebastián de los Reyes.

O que parecía en orixe un accidente acabou converténdose en tradición. Despois da eliminación copeira, tres empates e tres derrotas máis puxeron fin á paciencia do consello de administración, que prescindiu de Carlos Pouso despois do 0-1 na casa contra o Oviedo B, que colocaba ao colectivo nunha situación clasificatoria ben incómoda que non facía presaxiar un futuro positivo.

O ano principiou cunha serie de oito partidos sen gañar do equipo granate

Sen embargo, regresou Jesús Ramos, que xa fixera un cameo como responsable do banco de Pasarón ni interim do final da etapa de Luismi e o inicio da de Pouso no outono de 2019. Desta volta sentou no banco para quedar. O marinense apostou por un estilo de xogo acorde coa historia do club e a forma de ver o fútbol en Pontevedra. Pechou a etapa pre-Covid19 cun empate e dous triunfos seguidos e a eles sumoulles sete partidos sen perder no comezo da nova temporada. A derrota contra o Coruxo puxo fin á súa serie de imbatibilidade á fronte do equipo (12 partidos).

A COPA E O DEPORTIVO. O Pontevedra despediu 2020 eliminando ao Cartagena na Copa, quedando emparellado co Cádiz nos 1/32 de final do torneo, e na terceira posición do subgrupo 1-A de Segunda B, a última das que dá dereito para disputar as prazas de play-off na segunda fase e garantir un lugar na nova Segunda B Pro (oficialmente denominada Primeira RFEF), que nacerá no curso próximo.

O cadro lerezano volveuse medir nun partido oficial ao Deportivo da Coruña, no que foi outra das novas salientables de 2020.

O ano foi tamén de grandes despedidas. Marchou un icono do club en verán, Edu Sousa, e xunto con el algúns xogadores directamente asociados á era Lupe Murillo. Edu é o xogador do século XXI que máis partidos disputou xunto con Alejandro Vázquez. Desde o verán de 2012 no club, foi desde setembro de 2013 o porteiro titular do primeiro equipo e tivo participación relevantes na consecución de algúns obxectivos da entidade.

A derrota contra o Coruxo foi a única da segunda metade do ano

Tamén se despediron de Pontevedra futbolistas como Alberto Campillo ou Álex Fernández, e outros que sen levar tanto tempo no equipo eran parte importante no vestiario, como Berrocal, Pedro Vázquez ou Javi López.

O peor de 2020, ademais da Covid-19, foron as lesións: moitas e variadas, a máis grave foi a que afectou a Manuel Romay, peza moi importante no equipo e no vestiario, que rompeu o cruzado e non volverá xogar no que queda de temporada.