Un ano para María Victoria Moreno

A obra da mestra e escritora será a protagonista de 2018 cun papel destacado no Salón do Libro e máis actividades

Reunión dos membros da RAG co alcalde de Pontevedra e a concelleira de Cultura. DAVID FREIRE
photo_camera Reunión dos membros da RAG co alcalde de Pontevedra e a concelleira de Cultura. DAVID FREIRE

Nin extremeña, nin de Barcelona. María Victoria Moreno era galega, concretamente pontevedresa. Non de nacemento, mais si por elección. Neste feito fixeron fincapé onte os membros da Real Academia Galega (RAG) na súa visita ao Concello de Pontevedra para planificar o ano que estará adicado á mestra e escritora á que se lle adica o Día das Letras Galegas en 2018.

O presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, xunto aos académicos Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo, mantivo unha reunión co alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, e máis a concelleira de Cultura, Carmen Fouces. No encontro trazaron un esquema xeral da programación de actividades que se levarán a cabo en Pontevedra con motivo da celebración do Día das Letras Galegas arredor da figura de María Victoria Moreno. Deste xeito, o acto central celebrado pola RAG o vindeiro 17 de maio terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra. Da mesma maneira, o Salón do Libro servirá de antesala ao acto institucional da RAG durante o mes de abril, con obradoiros e outras actividades vencelladas a Moreno. "Queremos facer un simposio no que diversos autores analicen a súa figura; a Concellería de Cultura e a de Normalización Lingüística estarán coordinadas para tal cometido", declarou o alcalde. Ademais, buscarase a colaboración de institucións como a Deputación de Pontevedra para programar diversos actos.

O feito de que a homenaxeada deste ano sexa muller será unha cuestión que servirá para reivindicar a igualdade de xénero tamén na literatura, así como para recoñecer as achegas das mulleres á cultura.

MULLER. De feito, tal e como indicou o propio Freixanes, o feito de que fose muller foi un dos factores determinantes á hora de escollela como homenaxeada o vindeiro 17 de maio. "A RAG quere participar de xeito activo nese proceso de incorporación das mulleres á vida do país, por iso cada vez temos máis mulleres académicas; é unha cuestión de sentido da realidade", explicou.

Do mesmo modo, a súa condición de mestra, que fixo que inculcara nas novas xeracións o amor pola lingua, tamén pesou á hora de adicarlle o Día das Letras Galegas, xunto ao feito de ser estranxeira. María Victoria Moreno, que chegou a Galicia nos anos 60, é a proba de que "este país ten capacidade para seducir á xente", tal e como destacou Freixanes. "Ela defendeu o idioma, a cultura e o país como deberiamos facer todos nós", engadiu o alcalde.

Comentarios