A ANPA de Verducido mobilizarase para tratar de salvar Primaria

Ningún dos catro alumnos que rematan Infantil este curso solicitou praza noutro centro 
Aula vacía en el colegio de Verducido durante el inicio del vigente curso. GONZALO GARCÍA
photo_camera Aula vacía na escola de Verducido. GONZALO GARCÍA

A ANPA da Escola de Educación Infantil de Verducido non se resigna e, pese á insistencia da Consellería en non recuperar a unidade de Primaria clausurada o curso pasado, seguirá intentado ata o último momento que o alumnado poida seguir escolarizado neste centro rural.

Así o sinalou este venres Beatriz Solla, portavoz da ANPA, tras unha reunión mantida por dous integrantes da asociación con dous responsables de Inspección educativa na Delegación da Xunta, despois de dous meses tratado de atopar un interlocutor que atendera as demandas da parroquia.

"Baséanse en que son números e tampouco é iso. Depende do ano varía o criterio", afirma Solla. Na reunión "déronnos todo o apoio para manter Infantil, pero que Primaria non. Dinnos que unha mestra custa tanto e que a Administración non está para malgastar os cartos". A ANPA amósase radicalmente en contra das elevadas ratios doutros colexios e non ve con bos ollos "deixar a máis de 20 nenos nunha aula", pois iso mingua a calidade educativa. "O que recorten agora en educación vanno ter que investir máis adiante en rehabilitación". 

Son catro os alumnos que este curso rematan Infantil. "Teriamos o colexio adscrito en Xeve, pero ningún solicitou praza. Non temos présa, como se os temos que matricular o 7 de setembro. Seguiremos pelexando pola unidade de Primaria e estamos planificando unha mobilización contra estas rateos tan elevadas".