Anti Publi Publi Club gaña as eleccións ficticias de Ciencias Sociais cun 40% dos votos

O equipo liderado por Ana Pintané logrou 98 votos nunhas eleccións nas que participaron 245 persoas

Sentada feminista en Ciencias Sociais. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Sentada feminista en Ciencias Sociais. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Anti Publi Publi Club gañou as eleccións ficticias celebradas o xoves en Ciencias Sociais dentro da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. O equipo liderado por Ana Pintané logrou 98 votos nunhas eleccións nas que participaron 245 persoas.

Catro formacións promoveron diferentes actividades durante dúas semanas, incluíndo mitins, un debate e mesmo enquisas, realizadas por dous grupos de estudantes de Dirección e Xestión Pública, que, nun dos casos, prediciron o nome e practicamente as porcentaxes de apoio das dúas formacións máis votadas.

"Cando fas tantas cousas e te esforzas tanto porque as cousas saian ben, que a xente o valore é xenial", salientaba Pintané.

A segunda formación máis votada foi o Partido pola Unidade da Facultade (PUF), que concorría a estes comicios con Diego Requejo como candidato e que propuña unha "parodia dos fascismos" coa que sumou 66 votos. En terceiro lugar, con 45 votos, rematou Unidos Somos Pokémon (USP) e La Casa del Cartel, centrado no feminismo obtivo 35 papeletas.