O antigo edificio da Garda Civil de Pontevedra será derrubado no mes de agosto

O Concello aposta pola mellora urbana das rúas Fernando Olmedo, Camiño Vello de Castela, A Seca e Casimiro Gómez

Tramo de obras da rúa Fernando Olmedo. J.L. OUBIÑA
photo_camera Tramo de obras da rúa Fernando Olmedo. J.L. OUBIÑA

A vella comandancia da Guarda Civil de Pontevedra derrubarase no mes de agosto. Así o manifestou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante unha visita as obras que se están a realizar nas rúas Casimiro Gómez e Fernando Olmedo.

Tanto os traballos de reforma destas rúas como os da contorna do antigo edificio da Garda Civil están incluídos nun plan global de actuación no barrio da Seca e nas súas inmediacións. Lores amosouse satisfeito co resultado que están a ter as obras e lembrou que proxecto está enmarcado nunha actuación máis xeral que inclúe a rehabilitación de Cruz Vermella, Padre Gaite, A Seca e o novo parque do Camiño Vello de Castela.

O plan inicial consta de tres fases diferentes. A primeira, "que foi reformar o acceso ao Camiño Vello de Castela e o parque que está unido ao Estadio da Xuventude, que forma parte da urbanización de Tafisa, xa está rematada", declarou Lores.

Por outra banda, a segunda fase do proxecto é a que se está a realizar nas rúas Casimiro Gómez e Fernando Olmedo e que comezou hai menos dun mes. "O entronque entre estas dúas rúas quedará cunha calidade urbana moito mellor. Negociouse con todos os veciños a necesidade de aparcamento na zona", explicou o alcalde.

Lores: A parte na que queda pendente actuar é o tramo central de Fernando Olmedo, que se poderá acometer en 2019

BEIRARRÚAS. Finalmente, a derradeira parte do plan de remodelación urbana é "mellorar a rúa da Seca, na que se eliminará un carril dos dous que houbo ata o de agora, polo que se fará unha ampliación das beirarrúas", asegurou Lores.

O conxunto de obras finalizará co derrubamento do antigo edificio da Garda Civil no mes de agosto. "Esperamos que se lle outorgue a licenza á empresa para poder comezar o antes posible cos traballos", sinalou o rexedor municipal, ao que engadiu que "o derrubamento vaille dar outra presencia á rúa, ademais de xerar actividade económica".

"No seu lugar construirase unha residencia para a terceira idade con 118 plazas, que vai xerar moito emprego e vai dignificar a zona", explicou.

Finalmente, o nacionalista subliñou que "os veciños están moi contentos e nós temos o máximo interese en avanzar, por iso apoiamos os proxectos que xeneran actividade económica, que son os que máis interese cidadán teñen".

Tamén recoñeceu que a parte que queda pendente é o tramo central de Fernando Olmedo, que "se poderá acometer no vindeiro ano", concluíu.