Antón Castro: "A etapa coruñesa é imprescindible para entender a Pablo Picasso"

Un rigoroso estudo artístico en profundidade sobre a etapa coruñesa de Pablo Picasso é a última obra de Antón Castro. O historiador e crítico publica ¡The Early Picasso (1891-1895). A portrait by a Young Artist¡ da man do anticuario e galerista arxentino Jaime Eguiguren. 

Anton Castro_olgafernandez_03
photo_camera Antón Castro co seu libro no patio da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. OLGA FERNÁNDEZ

Foi por algo semellante a un encargo, hai agora unha década, que Antón Castro (Muxía, 1959) se puxo a investigar en profundidade a etapa galega de Pablo Picasso. O resultado dese estudo sobre o tempo que o artista viviu na Coruña (entre os 10 e os 14 anos) vén de publicarse nun volume coidadosamente editado, en inglés, polo anticuario e galerista arxentino Jaime Eguiguren. "É un importante editor de arte, moi exclusivo, que vive a medio camiño entre Bos Aires, Nova York e Madrid, e que pode lanzar media ducia de títulos ao ano", explica o autor. "Agora, a min o que me gustaría é conseguir que tamén saíse en español". Crítico, historiador da arte e mestre da facultade de Belas Artes, Castro leva afincado dende 1976 en Pontevedra, "aínda que con longos períodos de ausencia", como os dez anos que pasou en París. Comisario da Illa das Esculturas, director do Instituto Cervantes en Milán entre 2004 e 2008 e director do Instituto do Patrimonio Cultural de España entre 2008 e 2009, Castro foi comisario de máis de 70 exposicións por todo o mundo e é autor de arredor de 20 títulos sobre arte. O último, este sobre o neno Pablo Picasso.

Como nace este proxecto?

O proxecto ten a súa orixe cando eu aínda estaba en Milán, en 2006. Íase inaugurar unha exposición de Picasso en Madrid porque a directora do Museo Picasso de París, Anne Baldassari, decidira aproveitar as reformas no seu centro para expoñer a obra do artista por diferentes países do mundo. O ministro de Cultura daquela, César Antonio Molina, chamoume para que contactara con ela e falar da exposición. Baldassari, que é probablemente a investigadora viva máis importante sobre Picasso, xunto con John Richardson, é a que me di que a etapa galega de Picasso é fundamental, importantísima, que o artista non estará completo mentres non se cubra esa etapa e se faga unha boa exposición sobre ela. Eu coméntollo ao ministro e prepárase unha mostra, que finalmente non se leva a cabo tras deixar Molina o seu posto. Sobre o Picasso galego xa traballaran Ángel Padín, Rubén Ventureira e Elena Pardo. O caso é que eu seguín en contacto con Anne Baldassari e foi así que abrín unha liña de investigación, que liguei á Universidade, arredor do Picasso coruñés e centrada, máis que na parte biográfica ou documental, xa cuberta, na importancia artística que tivo o traballo feito aquí.  

E foi realmente tan importante o traballo daquel neno? Non se esaxera?

Tanto John Richardson como Josep Palau i Fabre aseguran que a etapa coruñesa é imprescindible para entender a Pablo Picasso. Eu estou de acordo. Non se esaxera, senón máis ben o contrario. De feito, eu era bastante reticente a comezar esta investigación, porque non traballo sobre nenos. Pero a realidade é que os estudosos máis importantes sobre Picasso aseguran que el sae de aquí convertido en artista. Iso dáme que pensar. Ademais, entro en contacto co vilalbés Antonio Olano, que foi un dos grandes amigos españois de Picasso, que antes de que falecera, hai dous anos, sempre traía á Facultade de Belas Artes a darlle unha conferencia aos rapaces, e confírmame que o propio artista pensaba que nunca chegara a superar os retratos que fixera na Coruña. Richardson chega a dicir que Picasso valoraba máis os retratos da Coruña que os da época azul. Iso de que Picasso se aburriu na Coruña, que non lle gustaba a chuvia... forma parte dunha certa lenda, que contribuíron a difundir autores como o novelista Patrick O'Brian ou o seu secretario Jaume Sabartés, que se achegaron dun xeito un tanto frívolo ao artista e á súa obra. Ningún deles tratou de profundizar realmente no traballo dese neno, un neno ao que o propio pai, un catedrático na Escola Provincial de Belas Artes, profesor de Dibujo de figura y adorno, recoñece como un xenio. Que pai permite a un fillo que non se matricule no Bacharelato? Tiña que ter unha seguridade bestial no talento do rapaz. Iso si, Picasso naquel momento, cando aínda era só Pablo Ruiz, xa tiña unha autoestima moi alta: con 12 anos consideraba que debuxaba como Rafael. 

"Sendo aínda un neno rompe co realismo figurativo, co academicismo, e adquire unha concepción libre do que é a arte e a pintura. É absolutamente radical"

 

Era un xenio precoz?

Evidentemente.

Debuxaba como Rafael con 12 anos? Tiña razón tendo esa alta concepción de si mesmo?

Absolutamente. John Berger dicía que dende neno tiña asumida a conciencia de xenio. Estou totalmente de acordo con iso. E creo que o propio pai o recoñece como alguén moi especial cando lle permite deter os estudos con 12 anos. Pero é que non hai máis que ver os debuxos que fixo do natural na cidade. Os que fai nos touros, por exemplo. Porque a súa vocación taurina foméntaa na Coruña. 

Foi difícil recompilar as obras para o volume?

En realidade, non. Un 70% do Picasso da época coruñesa consérvase no Museo Picasso de Barcelona, tras unha doazón de 1970. O resto, salvo algunha pequena excepción, está en mans dos seus herdeiros. Neste sentido é interesante dicir que no Museo Picasso de París se expoñen de forma permanente obras como A nena dos pés descalzos ou O home da gorra, das que nunca se separou mentres viviu. Todos os cadros da Coruña foron con el, a rastro, nos sucesivos cambios de domicilio que fixo. Fala da importancia que tiñan para el.

Que se pode dicir que sacou Picasso da Coruña? Que concluíu vostede trala investigación?

Eu descubrín que detrás do Picasso da Coruña había xa un tipo xenial, que aínda sendo neno xa era capaz de tocar moitísimos rexistros. Fai unha interpretación asombrosa da pintura libre, rompe co realismo figurativo, co realismo académico. É absolutamente radical nese sentido. Ten unha concepción libre do que é a arte e a pintura. Na Coruña, ademais, é onde asume unha conciencia cosmopolita, liberal e republicana.

En Maastricht
A obra de Castro foi presentada polo seu editor, Jaime Eguiguren, por primeira vez, o pasado 10 de marzo, na feira de artes e antigüidades máis importante do mundo: The European Fine Art Fair (TEFAF), de Maastricht (Países Baixos). O 24 de abril, o propio Castro foi o encargado de falar dela no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago. Fíxoo acompañado polo director da institución,  Santiago Olmo, e polo catedrático de Historia da Arte na Universidade de Santiago José Manuel García Iglesias. Volverá presentar o título o 5 de xuño no MAC da Coruña.

Comentarios