Anxo Lorenzo: "A transferencia do Museo de Pontevedra ten que estar por riba das datas electorais"

O secretario xeral de Cultura traslada a Amupo o seu interese por iniciar de inmediato as negociacións para asumir a institución museística

La entrada principal del Museo de Pontevedra DAVID FREIRE
photo_camera La entrada principal del Museo de Pontevedra DAVID FREIRE

"Con independencia dos procesos electorais hai cuestións que están máis no fondo. Se por parte dunha parte da Deputación -en alusión á Presidencia- hai disposición a negociar o traspaso dun equipamento cultural, iso ten que estar por riba das datas electorais", asegurou este xoves o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tras manter un encontro co presidente da Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra (Amupo), Ernesto Vázquez-Rey.

O obxectivo desta reunión, explicou Lorenzo, era ter "unha conversa directa" para transmitirlle de maneira formal "as nosas intencións" sobre a transferencia, que se coñeceron pola comunicación epistolar entre ambas administracións.

Así, Lorenzo manifestoulle a Vázquez-Rey que lles parece "unha opción moi interesante poder negociar a transferencia do Museo Provincial, xa "que encaixa perfectamente nas nosas competencias", posto que este "vai máis aló desa finalidade territorial" ao estar vinculado coa historiografía de Galicia.

Ao secretario xeral parécelle que que este debería ser "un proceso consensuado, pactado e tranquilo, e así llo trasladamos á presidenta da Deputación, pedindo unha xuntanza formal para iniciar a negociación". Foi por iso que quedaron "sorprendidos moi negativamente" pola reacción "pouco institucional e tremendamente visceral" que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, plasmou nunha misiva remitida ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Lorenzo sinala que despois de que Silva declarase publicamente a súa disposición a entablar negociacións, "contestou cunha carta chea de insultos e descualificacións, cun ton moi pouco institucional".

Lorenzo considera que a convocatoria da praza de director foi "opaca e pouco clara" e se fixo cunhas bases "contraditorias"

Así, insiste en que "estamos dispostos, desde o vindeiro luns, a responder a unha proposta da Deputación par sentarnos a falar do futuro do Museo". Non obstante, apuntou, "paréceme máis ben que o problema non é tanto" a coincidencia coas datas electorais, senón "as discrepancias de criterio entre os socios de Goberno á hora de encarar esta cuestión e seguramente outras".

Vázquez-Rey, pola súa banda, transmitiulle o apoio de Amupo á transferencia do Museo á Xunta de Galicia e deulle conta das iniciativas que está levando a cabo neste sentido como acudir á Valedora do Pobo para que interveña na polémica pola convocatoria da praza de dirección do Museo -xa foi admitida a queixa- ou solicitar unha comisión parlamentaria para encargarse da transferencia.

Así mesmo, apuntou Lorenzo, "tamén nos trasladaron a súa enorme preocupación polo proceso convocado para a dotación da praza de dirección", unha preocupación que "compartimos", pois trátase dunha convocatoria "realmente sorprendente, rara e pouco habitual".

"O que debía ser unha preocupación transparente, aberta e clara -insiste- converteuse nalgo opaco, pouco claro e cunhas bases absolutamente contraditorias".

O presidente de Amupo saíu do encontro cunha "impresión moi boa" e reiterou a conveniencia de crear a comisión parlamentaria para inciar as conversas de cara á transferencia, sempre favorecendo a participación de axentes sociais e culturais.

Comentarios