Anxos Riveiro: "A min a Concellería de Cultura revitalízame"

Cumpre 5 anos á fronte da área de Cultura e 17 no equipo de Miguel Anxo Fernández Lores, líder ao que defende mesmo por enriba dos estatutos do BNG. Neste tempo, a concelleira, puntal do goberno municipal, fíxolle fronte á crise, afianzou o legado de Luís Bará, integrou a Illa do Covo na programación cultural e ‘enganchouse’ ao deporte local
A concelleira de Cultura pontevedresa, Anxos Riveiro
photo_camera A concelleira de Cultura pontevedresa, Anxos Riveiro

SEN APENAS POLÉMICAS ás súas costas, Anxos Riveiro (Bértola, Vilaboa, 1969) cumpre cinco anos como concelleira de Cultura de Pontevedra. "Se teño algunha conta pendente, vasma ter que lembrar". Lémbranselle unhas declaracións amables sobre o Día das Letras Galegas adicado a Filgueira Valverde que entraban en contradicción coa actitude máis agresiva adoptada por outros concelleiros. Di que non se arrepinte de telas feito, pero si que aproveita para puntualizalas. Diplomada "no que hoxe se chama Relacións Laborais, daquela Graduado Social", pola Universidade de Santiago de Compostela, Riveiro entrou a formar parte activa do BNG de Pontevedra en 1997. Dous anos despois formaba parte do equipo co que Miguel Anxo Fernández Lores acadaba a Alcaldía. Dende entón tense feito cargo de distintas áreas: Benestar Social, Medio Ambiente, Festas, Deportes e Cultura. Estas dúas últimas son as que dirixe na actualidade.

Que balance fai dos cinco anos á fronte da Concellería de Cultura?

Positivo. Ao longo deste tempo o equipo que se formou, aínda que pequeno, conseguíu sacar adiante proxectos fundamentais a pesar dunha situación económica xeral onde só se contemplan recortes, sobre todo, no ámbito cultural. Consolidar ese equipo de traballo foi moi importante e eu estou contenta.

"Claro que pesa o legado de Luís Bará na área de Cultura. E así debe ser, porque pesa para ben. Para min é un referente"

É unha concellería difícil?

Non. Non é difícil. O que precisa é ter a cabeza posta sempre nos obxectivos finais do mandato. Tes que saber cara onde queres levar as cousas. Despois o que che queda é intentar que o camiño sexa o máis recto posible. O máis difícil agora mesmo son as limitacións económicas que obrigan a descartar ideas moi interesantes de xente moi válida por falta de recursos. Ás veces iso é frustrante. Polo demais é unha concellería ben bonita, que che permite participar nunha chea de proxectos fermosísimos. Nese sentido, a min revitalízame.

Pero é sabido que vostede pola que ten debilidade é pola área de Deportes.

Non, non é certo. Si que é verdade que me involucrei moito coa Concellería de Deportes cando a levei por primeira vez [2007-2011]. Atopeime cun grupo de xente que traballaba moi duro e que era fundamental na educación e formación dos nosos nenos. E tamén é verdade que eu non sei traballar doutra maneira que non sexa implicándome, ás veces demasiado, con certos temas. A pesar de todas as críticas que recibín, foi unha experiencia moi chula. E é certo que cando deixei a área, quedei cun pouco de mono. Volvina coller con moitas ganas.

Na área de Cultura, non pesa de máis o legado de Luís Bará?

Claro que pesa. E así debe ser, porque pesa para ben. Mira, eu levo traballando con Luís Bará dende 1999. Pasámolo moi ben xuntos e tamén realmente mal, poñendo en marcha moitos proxectos. Na súa man, en moitos momentos, estivo a toma de decisións que foron moi polémicas, pero esas decisións, primeiro, estaban moi reflexionadas e eran colectivas e, despois, co tempo demostrouse que eran as correctas. Hoxe ninguén se atreve a cuestionalas. Luís Bará ten unha capacidade de traballo impresionante. Eu lembro etapas nas que penso que nin durmiamos, por exemplo cando se trasladaron as festas outra vez ao centro. Se algo se lle pode atribuír é esa preocupación por volver encher a cidade de vida e de contido. E aí nacen dende a Feira Franca ao Salón do Libro. Como non vai pesar ese legado? Luís Bará é para min un referente, unha peza fundamental no equipo de traballo.

Cal é o proxecto do que está máis orgullosa?

Todos os que temos relacionados coa formación. Con isto refírome, por exemplo, aos proxectos que temos de animación á lectura, dende o Salón do Libro ata os obradoiros. Ou as programacións estables destinadas á formación de espectadores de teatro. O obxectivo é que saia unha xeración de Pontevedra moi preparada, crítica e cun alto nivel cultural. Apostar por un futuro diferente e mellor é o que me motiva.

E un que teña pendente ou do que tivo que prescindir e lamente?

Uf, moitos. A maior parte por cuestións económicas. Tiñamos un tema pendente, ao que houbo que darlle para atrás moitas veces, que agora está en marcha e penso que pode ser o seu momento: o dunha programación relacionada co cine. Co Festival Novos Cinemas saldamos unha débeda co audiovisual. 


Unha cuestión durante anos polémica, que vostede conseguíu neutralizar, é o uso da Illa das Esculturas. 


Mira, todo ten o seu momento e as polémicas algunhas veces xenéranse con razón e outras veces sen ela. Hai etapas nas que hai que priorizar unhas cousas sobre outras porque desgrazadamente a todo non se pode atender ao mesmo tempo. Pero o importante é ter claro o obxectivo fi nal. Este tema había que collelo dun xeito global e realizar unha acción que puxera en valor esa zona dunha vez por todas. Déronse unha serie de circunstancias que me animaron a darlle un uso cultural. Non é ningunha novidade: sempre formou parte da nosa filosofía isto de gañar espazos para o goce dos cidadáns. Se non se fixo antes, sería porque non era o momento adecuado. Hoxe é un orgullo ver o espazo cheo de xente durante as actividades de Faiponting ou do festival Surfing the Lérez. 

Unha polémica máis recente xerouse coa decisión do novo goberno da Deputación de prescindir da súa escola de gaitas e trasladar a cada concello a responsabilidade de mantela ou non. Pontevedra decidiu non facerse cargo e o exdirector da escola, Hipólito Cabezas, lembrou que, sen embargo, mantén cun orzamento de 170.000 euros a Banda de Música. Por que non se rescatou esa escola? 

O Concello de Pontevedra nunca tivo nin a máis mínima relación coa escola de gaitas da Deputación. Se existía, non tiñamos case nin coñecemento: nunca participou nunha programación, nunca colaborou nun proxecto, nunca se dirixiu a nós para nada... Ata que, de súpeto, xurde esta polémica que nos involucra e nos sinala, cando na concellería non tiñamos ningún tipo de información sobre a xestión desa escola nin que obxectivos defendía. Para min foi unha sorpresa que se nos empezasen a pedir explicacións, sobre todo, tendo en conta de que falabamos dunha achega económica inasumible. Pero é que ademais, por outro lado, en Pontevedra traballan varios colectivos e asociacións culturais no eido da música e do baile tradicionais que si que levan moitos anos colaborando co Concello e nós con eles. Con esa xente si que temos un compromiso e unha responsabilidade porque, por enriba, nunca pediron practicamente nada. Non me parecería xusto pola nosa parte actuar agora doutra maneira.

O día que se fixo público que a Real Academia Galega lle ía adicar o Día das Letras Galegas a Xosé Filgueira Valverde vostede dixo: "Este recoñecemento vai provocar que Pontevedra se sitúe no centro da vida cultural do noso país". Arrepentiuse de ter feito esas declaracións?

Non, non me arrepentín. Non dixen nada que non fora verdade: Pontevedra ía cobrar protagonismo na vida cultural galega. Pero si que me faltou engadir algo que tamén pensaba, que era importante e que me quedou fóra: que era unha decisión moi polémica. Non o dixen e debín dicilo.

Non a chamaron á orde no seu partido?

Por suposto que non.

"Sobre a Illa das Esculturas só podo dicir que cada proxecto ten o seu momento. Hoxe é un orgullo vela chea de vida"

Sen embargo, nun primeiro momento, foi a única opinión amable do BNG ao respecto da decisión da RAG. Se ben é verdade, que o discurso, sempre crítico, foi moderándose a medida que avanzaba o ano.

Ninguén pode negar que foi un ano marcado pola polémica. Non cabe dúbida do valor do traballo intelectual de Filgueira, non se cuestiona nada diso, pero podía ter outro tipo de recoñecementos. A min, falando sinceramente, gustaríame que o Día das Letras non estivese marcado pola polémica, senón pola festa arredor dun idioma, o meu, que está permanentemente posto en cuestión.

Pasou de ser a número dous da candidatura do BNG en Pontevedra á número sete, meses antes de deixar de ser, ademais, a responsable comarcal do partido. Busca saír da primeira liña política?

Non, qué va. Todo son etapas. Eu comecei de número 17 na lista de Lores. As listas confecciónanse entre todos e en función das necesidades ou obxectivos de cada momento. Se calquera revisa as nosas listas, comprobará que nos movemos moito. En canto ao outro, xa me tocaba. Levaba moitos anos facéndome cargo da responsabilidade local do BNG e xa tocaba un relevo. Cadrou así, non é nada premeditado.

Asinou vostede con outra concelleira de Pontevedra, Carme da Silva, un documento que presentaron ante o Consello Nacional do BNG, no que, entre outras cousas, pedían que desaparecese o límite de mandatos dentro dos estatutos do partido. Non hai relevo para Lores en Pontevedra?

É que Lores non está en cuestión. Se algún día está, pois estará, pero agora mesmo non. Que relevo? Persoas con capacidade para liderar ao BNG en Pontevedra hai moitas. Pero non se trata diso porque contamos cun home que agora mesmo está no seu mellor momento físico e mental, que nos supera a todos en enerxía e en estado de forma. O que non ten sentido é que tiveramos que renunciar a el. Iso si que sería absurdo.

Pero durante anos dende a oposición afeóuselle ao PP galego que seguise presentando a Manuel Fraga como candidato. Precisamente os estatutos do BNG parecían intentar evitar caer niso mesmo.

Penso que non hai lugar para esa comparación. Mira, nós polo que pelexamos é por presentar o mellor proxecto en cada momento, sempre con conciencia de grupo. E dende esa conciencia dígoche que estamos convencidos de que a mellor persoa coa que contamos agora mesmo é Miguel Anxo Fernández Lores. Estamos falando dunha persoa que liderou a transformación dunha cidade que hoxe está sendo premiada en todo o mundo. Insisto: por que debemos prescindir del? En que cabeza cabe? 

"Persoas para liderar ao BNG local hai moitas, pero iso non está en cuestión. Sería absurdo ter que renunciar a Lores"

Nese documento que presentaron ante o Consello Nacional falábase da posibilidade de "refundar" o BNG se era necesario. É Ana Pontón a persoa que debe liderar ese proceso?

Ana Pontón é a nosa voceira, polo tanto, a persoa máis apropiada para sacar adiante un BNG que eu persoalmente considero que ten que centrarse na defensa do país. Dende logo, andar a dar bandazos non nos beneficiou. Os cidadáns piden claridade.

Desaparecerá o Instituto Municipal de Deportes (IMD) antes do final deste mandato?

Eu digo que si. Estou traballando niso, que vou dicir? O concello pontevedrés medrou deportivamente de xeito brutal, pero administrativamente quedou estancado. Eu agardo que no prazo dun mes se aprobe a resolución firme de disolución do IMD.

Outro problema que arrastra a concellería de Deportes é a situación das instalacións de Campolongo. Os traballadores, que din que vostede non quere reunirse con eles, veñen de anunciar, ademais, que denunciarán ante Traballo a súa situación laboral.

Primeiro está a situación das instalacións en Campolongo, que é algo que vén de vello e me consta que o anterior concelleiro de Deportes e o seu equipo loitaron por solucionar cun proxecto que, por desgraza, quedou deserto. Agora estamos volvendo a intentar sacalo adiante, xa sen A Parda. A nosa intención é que vaia o máis rápido posible. Por outro lado, as cuestións laborais dos traballadores son coa empresa, que é quen os ten contratados. Podemos reunirnos e falar do que eles queiran, pero se queren comunicar calquera cousa ou denunciar algo teñen que facelo no IMD. Ese é a canle. E non confundirse. Porque aquí chegouse a falar ata de funcionarización... Ben, hai que dicir que iso é ilegal, se non me equivoco. Aquí portas de atrás non hai. Agora, se o que me preguntas é a miña opinión sobre o convenio laboral que teñen eses traballadores, direiche que é pobre, que sen dúbida se podería mellorar, pero iso non é responsabilidade do Concello de Pontevedra e non lle afecta só a esa empresa senón a todo o sector.

Algunha vez se ten arrepentido de terse adicado á política?

Non, nunca, a pesar dos agobios e dos malos tragos. Despois sacas adiante un proxecto ou consegues transformar algunha cousa e compénsao todo. Mellorar calquera cuestión, aínda que sexa pequena, iso non hai quen o pague.