lunes. 21.06.2021 |
El tiempo
lunes. 21.06.2021
El tiempo

O Apalpador volve a Pontevedra para "regalar á cativada unhas raíces"

O Apalpador co seu burriño Río Lor e a deputada provincial de Lingua, María Ortega. DEPUTACIÓN
O Apalpador co seu burriño Río Lor e a deputada provincial de Lingua, María Ortega. DEPUTACIÓN
O personaxe do Nadal galego visitará 23 concellos da provincia da man da Deputación 

"O Apalpador volve baixar da montaña para lembrar moitas cousas, entre elas, a fame que se pasou neste país", explica Anxo Moure, o contacontos e divulgador ecoloxista que interpreta a este personaxe que descende cada ano da montaña do Courel para traerlle castañas asadas aos nenos que teñen a barriga baleira. "Este é un personaxe que nace porque no inverno a xente tiña medo e frío. É sinxelo imaxinar por que soñaban con que aparecía alguén que lles deixaba algo quente de comer".

A Deputación de Pontevedra volve apostar este ano por recuperar a figura tradicional propia do Nadal galego, o Apalpador, para celebrar as festas. Da man da institución visitará fisicamente 23 concellos da provincia e gravará unha serie de vídeos para centros escolares de 36 municipios, "con mensaxes de ilusión e responsabilidade", anunciou a deputada provincial de Lingua, María Ortega, que tamén explicou que, nesta ocasión, para cumprir coas medidas de seguridade sanitaria, o Apalpador non permanecerá quieto nun lugar concreto das vilas senón que irá percorrendo rúas e camiños para saudar aos nenos e nenas. "A maiores, tendo en conta tamén a situación sanitaria, gravará esas pezas de vídeo, en diferentes lugares naturais doutros tantos concellos da provincia, que se lle enviarán aos centros educativos para que os usen nos últimos días de clase do ano". 

COMPAÑEIROS. Anxo Moure estará acompañado nesta iniciativa polo músico Servando Barreiro e polo seu burriño Río Lor, "feito con madeira de bidueiro". Cris Lores é o encargado de gravar os vídeos en espazos naturais da provincia como as sobreiras de Goián ou os bosques de Covelo. "Son imaxes que xa van quedar aí para a historia". 

Moure lembrou como a figura do Apalpador está directamente relacionada coa doutras tradicións españolas, como a do Olentzero de Euskadi ou a do Tientapanzas de Castela, e europeas, como a do mesmo Papá Noel. "O mellor agasallo que se lle pode facer á cativada son unhas raíces", defendeu o contacontos, que adaptou o personaxe á actualidade dotándoo dun discurso ecoloxista e eliminando o contacto coas barrigas dos nenos, como sinalaba a tradición. A misión do Apalpador pasa hoxe por promover o respecto pola natureza, por fomentar a alimentación sa e o coñecemento histórico e do medio natural. "Ensina a nomear árbores e froitas. Porque os nenos hoxe non saben o que é un freixo ou un buxo. É unha lástima". 

O Apalpador volve a Pontevedra para "regalar á cativada unhas raíces"
Comentarios
ç