Aparecen pintadas na casa da concelleira do BNG Carme da Silva

Compañeiros de partido e da oposición mostraron o seu apoio á tamén candidata nacionalista ao Congreso

Pintada na fachada da casa de Carme da Silva. TWITTER (@OBLOQUE)
photo_camera Pintada na fachada da casa de Carme da Silva. TWITTER (@OBLOQUE)

O BNG denunciou a través das redes sociais a aparición de pintadas na casa da concelleira en Pontevedra e candidata nacionalista ao Congreso, Carme da Silva.  

"A mafia nunca dorme. No BNG tampouco; seguiremos traballando arreo por Pontevedra, porque o mellor está aínda por vir, e tamén seguiremos traballando para que a nosa compañeira Carme da Silva sexa deputada no Congreso para termos voz propia. Carme, todo o apoio e toda a forza!", escribiu a formación en Twitter, xunto a unha imaxe da pintada, na que se ve unha diana baixo o nome "Dasilva". 

O acto vandálico foi repudiado tamén polo alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, quen tamén mandou unha mensaxe de ánimo á súa compañeira de equipo: "Ante a aparición destas pintadas na casa da concelleira Carme da Silva, quero manifestar todo o meu apoio á nosa compañeira. Imos continuar a defender os intereses de Pontevedra por riba de todo". 

O debuxante Kiko da Silva, integrante tamén da lista do BNG ás xerais pola provincia de Pontevedra, tamén denunciou vía Twitter os feitos: "Esta imaxe non é democracia, é un eco dun pasado gris que non queremos. O BNG e Carme da Silva non se vai deixar amedrentar".

Desde a oposición, o candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, tamén amosou o sei apoio á edil aínda que dun xeito máis crítico coa formación nacionalista: "La falta de diálogo del BNG de Lores y su soberbia después de 20 años en el poder no justifican esto. En democracia hay votos, no dianas. Eso es algo que por desgracia hemos tenido que recordar durante años en el PP".