A APDR acusa a Domínguez de demagogo e de carecer de rigor cando fala de Ence

A Asociación Pola Defensa da Ría advertiu este domingo ao presidente do PP local de que o informe emitido polo Consello Consultivo da Xunta sobre as posibilidades de adscribir á Autoridade Portuaria os terreos de dominio público que ocupa Ence en Lourizán "non ten carácter vinculante"
Vista de la factoría de Ence. DP
photo_camera Vista da factoría de Ence. DP

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) advertiu este domingo ao presidente do PP local de Pontevedra, Rafael Domínguez, de que o informe emitido polo Consello Consultivo da Xunta sobre as posibilidades de adscribir á Autoridade Portuaria os terreos de dominio público que ocupa Ence en Lourizán "non ten carácter vinculante, e moito menos para un Ministerio que ten entre as súas funcións a defensa do dominio público marítimo-terrestre".

O presidente da APDR, Antón Masa, sinalou que este informe foi "solicitado polo presidente da Xunta na procura dun xeito de burlar a Lei de Costas e as sentencias da Audiencia Nacional que anulan a prórroga concedida ilegalmente polo PP no ano 2016, e deixar a fábrica onde hoxe está".

Segundo Masa, "sorprende que o señor Domínguez afirme que con este informe a empresa poderá seguir en Lourizán independentemente de que as sentenzas da Audiencia Nacional adquiran firmeza, porque esta afirmación carece do máis mínimo rigor", pois "mentres haxa sentenzas que anulen a prórroga", esa vía "non ten ningunha viabilidade no que á permanencia de Ence neses terreos se refire".

Masa acusou ao 'popular' de demagogo por afirmar que "hai moitas cidades que se disputan a riqueza e os empregos que xera a fábrica", porque "que saibamos, non houbo ningunha cidade galega que solicitase acollela»", dixo.

Na mesma liña, aconselloulle que "se lle preocupan os traballadores da fábrica, abandone a posición na que se atopa enrocado xunto a Ence e o Comité de Oficinas Centrales de CCOO" porque "esa posición está condenada ao fracaso e está conducindo aos traballadores ao paro ante a absoluta pasividade dunha empresa que, co apoio submiso do seu partido, defende exclusivamente os seus privilexios".

Comentarios