A APDR celebrará a súa marcha anual contra Ence o vindeiro 16 de xuño

O colectivo pídelle ao novo Goberno socialista que decrete a caducidade de Elnosa e derrogue a prórroga a Ence

Presentación da marcha da APDR contra Ence. ANDREA COLLAZO
photo_camera Presentación da marcha da APDR contra Ence. ANDREA COLLAZO

A marcha da Asociación pola Defensa da Ría a Ence terá lugar o vindeiro sábado 16 de xuño. Como é habitual, os participantes sairán das alamedas de Pontevedra e de Marín ás 19.30 horas para marchar ata a factoría pontevedresa. 

Nesta ocasión, o colectivo reivindicará a recuperación das praias de Pontevedra, soterradas baixo a autoestrada que conecta a cidade con Marín. "En función da dispoñibilidade da xente, faremos unha protesta con toallas na autoestrada ante Ence para pedir a recuperación dos areais", explicou onte Antón Masa, presidente da APDR.

Ademais, diferentes colectivos ecoloxistas aproveitarán para celebrar a fin da campaña de recollida de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular a prol do bosque autóctono, que loita contra a ‘eucaliptización’ de Galicia. Así, haberá un xantar na Alameda, obradoiros infantís e música. Tamén falarán algúns dos membros das asociacións que promoven esta ILP para explicala.

A APDR afronta as actividades do 16 de xuño tamén como un xeito de reclamar ao novo Goberno central que tome medidas pola recuperación da ría de Pontevedra. "O PSOE tense comprometido coa APDR a que, se gobernaba, derrogaría o decreto polo que se lle concedía unha prórroga de 60 anos a Ence para continuar coa súa actividade", explicou Masa.

Do mesmo xeito, a asociación agarda que o novo Executivo faga o propio coa concesión a Elnosa, que caduca o vindeiro 29 de xullo. "O novo Goberno ten a posibilidade de decretar a caducidade da dita concesión", indicou Masa. Do mesmo xeito, nun comunicado emitido polo colectivo un día despois da moción de censura, explicaba que "son moitas as razóns que xustifican esta caducidade" e instaba aos socialistas e máis aos seus apoios no Congreso a levar adiante as acción precisas para sacar a Ence e Elnosa da ría. 

Comentarios