A APDR critica a petición de ampliación do prazo para desmantelar Elnosa

"Os terreos continúan ocupados pola empresa e o mercurio que inunda os solos e as augas soterradas, tamén"
Imaxe da planta de Elnosa en Lourizán. M.B.
photo_camera Imaxe da planta de Elnosa en Lourizán. M.B.

"Pasados dous anos, a realidade é que os terreos continúan ocupados pola empresa e o mercurio que inunda os solos e as augas soterradas, tamén". A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) critica así que Elnosa non teña desmantelado as instalacións de Lourizán.

"Elnosa, que no ano 2016 obtivo da Xunta de Galicia unha prórroga dun ano para seguir fabricando cloro, sosa e derivados sen ter mudado a tecnoloxía como era a súa obriga, pretende que se lle permita prolongar máis o prazo para dar cumprimento ás tarefas que, sen xustificación ningunha, véñense retardando desde hai demasiado tempo", engaden.

APDR alegou en setembro de 2017 á revisión da autorización (que incluía o proxecto de desmantelamento e eliminación dos solos e augas contaminadas) por entender "que non se establecían todas as garantías para eliminar con seguridade as infraestruturas, solos e augas contaminadas polo mercurio, nin o seu posterior tratamento por unha entidade debidamente autorizada". O colectivo "mantén as súas dúbidas" sobre o plan da Administración.

Comentarios