A empresa Naboo Solutions SL, de Poio, conseguiu facerse co premio ao mellor emprendemento da décima edición de Pont-Up Store, e tamén co recoñecemento como mellor iniciativa no ámbito das enxeñerías co deseño dunha aplicación que conecta a empresas de hostelería e distribuidoras para facilitar a realización e a entrega de pedidos. Encargouse de entregalo, no mediodía deste sábado, Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, quen manifestou que "estas iniciativas son unha boa mostra dun país cada vez máis sostible, máis innovador e máis igualitario".
O comité organizador tamén fallou os restantes premios: no apartado de turismo, fíxose co premio Barvantia, empresa que organiza o Camiño de Santiago para autocaravanas, furgonetas camper e todo tipo de vehículos vivenda. Cousiñas foi recoñecida como proxecto destacado no ámbito da formación, educación, arte e cultura, pola súa proposta de escola de cociña orientada a todos os públicos, mentres que no ámbito da comunicación, deseño gráfico e eventos destacou o proxecto da axencia de marketing, comunicación e publicidade, La Cuerda Floja. No sector do lecer e o benestar recoñeceuse a estratexia da marca de cosmética natural Eco Siolaz S.L. que crea produtos para que as persoas que dispoñen de pouco tempo consigan aplicar rutinas de coidado da pel.
Na modalidade das TIC e novas tecnoloxías, o xurado destacou a innovadora proposta de Luxsit, que ofrece espectáculos de luces personalizados con enxames de drons sostibles como alternativa aos fogos de artificio. En deseño de moda, complementos e decoración recibiu o premio a marca de xoiería artesanal de Ana Freiría elaborada con metais reciclados, como o cobre e o latón, rescatados do sector naval para darlles unha nova vida. Por último, en alimentación e restauración fíxose co premio Perusiñas, unha nova marca de doces artesáns gourmet elaborados en Galicia e envasados en vidro que en só un ano de actividade xa conta con máis de 130 puntos de venda en Galicia e tamén fóra.

Como cada ano, o comité organizador foi o encargado de valorar e seleccionar as mellores iniciativas empresariais nas diferentes modalidades. Ao acto de entrega asistiron Anabel Gulías, concelleira de Promoción económica do Concello de Pontevedra; Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego, Traballo autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Jorge Cubela, deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural da Deputación de Pontevedra; José Luis Ramírez Matos, director de zona Pontevedra Metropolitana de Abanca; Ángela Cal e Roberto Cabeceira, do comité organizador do encontro, e o propio Figueroa Dorrego.
Despois da entrega de premios, os asistentes degustaron uns peticos elaborados na PonteVan do CIFP Carlos Oroza por un equipo de estudantes capitaneados polo docente Ricardo Fernández Guerra, todos elaborados con produtos ecolóxicos e de Km. cero, como tomates confitados da Horta Oroza, pan payés ou salmón.

Tres socios desde Poio que crearon unha app na pandemia
Naboo Solutions SL está formada polo hosteleiro Iván Pérez (O rincón do café, en Combarro), o deseñador gráfico Andrés Dacosta (Máis deseño) e Juan García (asesor financieiro) como unha necesidade durante a pandemia. "Necesitaba una solución digital para mejorar la vida del hostelero y llevamos casi tres años luchando por elaborar este producto, que ahora empieza a tener más aceptación, para mejorar la experiencia de compra entre el hostelero y el distribuidor". É unha plataforma na que os distribuidores marcan as súas áreas de reparto por xeolocalización e os negocios que se dan de alta en Naboo e están dentro desas áreas ven todas as ofertas de todas as distribuidoras do sector. "De esta forma los distribuidores ganan mucha más visibilidad y los hosteleros tienen una plataforma para ver todas las ofertas, de sus habituales o no". La aplicación está lanzada "y estamos haciendo un testeo por Poio y Pontevedra" e de momento vai vento en popa.
Pontevedra, capital europea da Economía Ecolóxica e Postcrecimento en 2024
O Pont-Up Store dedicou pola tarde unha sesión ao emprendemento colectivo a través de casos de éxito de plataformas cooperativas e de recuperación e empresas por parte do seu persoal traballador, en contraposición a prácticas perigosas como a Uberización, "que ameaza os dereitos laborais e os mínimos colectivos que regulan o traballo e garanten un os dereitos laborais, e que á vez xera competencia desleal", explicou a organización. Tamén se tratou o tema da desindustrialización alimentada pola procura dunha baixada de custos que busca simplemente a rendibilidade a todo prezo e destrúe vidas e redes económicas nos nosos territorios.
Desenvolverase na Casa das Campás e correrá a cargo de Alejandro Fortuny Sicart, investigador do Grupo Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo que o próximo ano converterá a Pontevedra na sede europea da economía ecolóxica e o postcrecemento coa celebración de dous congresos: dunha parte a 16ª edición do congreso internacional da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE); e doutra, o congreso da International Degrowth Research Networks, que celebrará a súa décima edición na cidade despois de ter pasado por importantes capitais europeas.

Estudo Bonobo interpreta a banda sonora do encontro, obra de Vahamonde e Sande
Esta décima edición, na que participaron case un cento de emprendementos, pechou as súas portas cunha gala na que actuarán Ornitorrincos, o Quinteto Tradicional da GTM UVigo, Sofie Peries, Furious Monkey House, Zeltia Irevire e o músico Gonzalo Maceira, que xunto co equipo de Estudo Bonobo interpretaron en directo por primeira vez a banda sonora do Pont-Up Store creada polos músicos Suso Vaamonde e Abrahán Sande Couso para dar unha sonoridade recoñecible ao evento, dentro das técnicas do marketing sensorial, que o encontro empezou a traballar antes da pandemia.
Esta gala formou parte do programa de actividades vinculadas co emprendemento musical que o Pont-Up decidiu integrar este ano no seu programa para aliñarse coas dinámicas musicais da cidade de Pontevedra. Dentro das celebracións especiais do X aniversario, intégrase tamén a exposición instalada na Casa das Campas, na que se conta unha historia de innovación permanente ao longo destes dez anos a través dos materiais promocionais usados en cada edición.
