Apoio do 88% para que Óscar García siga á fronte de Ciencias da Educación e do Deporte

O equipo decanal da facultade, que aposta pola continuidade, complétase con Eulalia Agrelo, Begoña Paz, Uxío Pérez, Ezequiel Rey e Vicente Romo
Equipo decanal Ciencias da Educación
photo_camera Equipo decanal de Ciencias da Educación: Ezquiel Rey, Begoña Paz, Vicente Romo, Óscar García, Eulalia Agrelo e Uxío Pérez. DUVI

Óscar García afrontará un segundo mandato á fronte de Ciencias da Educación e do Deporte despois de recibir o apoio do 88% das persoas participantes na Xunta de Facultade celebrada este xoves, segundo informou o Duvi. Decano da facultade pontevedresa desde 2021, o profesor da Área de Educación Física e Deportiva encabezaba a única candidatura que concorreu ao proceso electoral. Logrou 45 votos favorables, cinco en contra e un en branco.

"Agradecido por un apoio absolutamente positivo, pero que xera unha maior responsabilidade aínda", García afronta esta nova etapa á fronte dun equipo no que repiten presenza todos os integrantes do equipo decanal no mandato anterior. Faino, como sinala, con "retos" de futuro como acadar a implantación dun mestrado en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, abordar as futuras modificacións dos graos en Educación Primaria e Educación Infantil ou "seguir dotándonos de novos espazos".

Profesor do Departamento de Didácticas Especiais e integrante do grupo de investigación HealthyFit, dentro do que coordina o Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar, García destacou que un dos factores que determinou que optase á reelección foi a continuidade dun equipo decanal do que salientou "a súa alta capacidade de traballo". Así, neste novo mandato, continuarán como vicedecanas e vicedecanos Eulalia Agrelo (Relacións Institucionais), Begoña Paz (Prácticum e TFG), Uxío Pérez (Organización Académica e Infraestruturas) e Ezequiel Rey (Calidade), e Vicente Romo, como secretario académico.

Obxectivos e retos para o novo mandato

Na súa intervención na Xunta de Facultade, o aínda candidato a reelección sinalara como "obxectivo principal" deste mandato contribuír a que o centro sexa "un espazo de liberdade no que cada membro da comunidade universitaria poida atopar o seu sitio e desenvolver o seu labor da mellor maneira posible".

Entre os retos de futuro figura a modificación das normas ECI, que regulan o acceso á profesión docente, na que traballa o Ministerio de Educación. Unha cuestión que "está enriba da mesa e na que necesitamos decidir con sensatez cal vai ser a nosa posición", xa que implicaría á súa vez cambios nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. 

Outro dos obxectivos será acadar a posta en marcha dun Máster en Ciencia do Exercicio, Preparación Física e Readaptación Deportiva, conxunto coa Universidade da Coruña, despois de que o Consello de Goberno da UVigo aprobase recentemente a súa declaración de interese, co obxectivo de lograr a súa implantación no curso 2025-2026. "Sería algo moi importante e que nos poría no mapa", pois "dez comunidades autónomas teñen regulada a profesión de preparador físico e readaptador", fixando que deben exercela titulados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte "e a ser posible, especialistas". Non obstante, engadiu, "ningunha outra universidade ten un máster con estas figuras, polo que seríamos punta de lanza no sistema universitario español".

Outro dos retos desta etapa "seguir dotándonos de espazos", pois a facultade conta "con preto de 1500 alumnos, afortunadamente, e estamos carentes de sitios". Neste punto, recoñeceu que "melloramos", coa posta en marcha do laboratorio de kinesioloxía e acondicionamento físico, recentemente inaugurado, ao que sumará en breve outro de innovación educativa. Pero a ampliación do centro "é unha prioridade", á que se suman outros obxectivos como "transferir o que facemos á sociedade, compromiso que adquirimos no noso programa estratéxico" ou o "reto de situar definitivamente á facultade entre os centros de referencia de toda España".