Apoio unánime para que Mercedes Soto siga outros tres anos á fronte de Fisioterapia

O equipo da única candidata ao decanato complétase con Iria da Cuña e Rocío Abalo
photo_camera Iria da Cuña, Mercedes Soto e Rocío Abalo conforman a candidatura que seguirá tres anos á fronte de Fisioterapia. DUVI

A profesora do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde Mercedes Soto continuará tres anos máis á fronte do Decanato de Fisioterapia, despois de que a súa candidatura recibise o apoio unánime das persoas participantes votación celebrada este luns en Xunta de Facultade, segundo acaba de informar o Duvi. Soto González permanecía á fronte da facultade desde xuño de 2022, cando fora nomeada decana en funcións en substitución de Eva Lantarón, quen asumía o cargo de vicerreitora do campus de Pontevedra. Profesora contratada doutora da Área de Fisioterapia e investigadora do grupo FS1, Soto encabezou a única candidatura presentada no proceso electoral aberto na facultade, que completaban as profesoras Iria Da Cuña e Rocío Abalo, actuais vicedecana e secretaria académica, cargos que manterán no novo mandato. Nunha votación á que estaban chamados as e os 16 representantes do persoal docente investigador, persoal de administración e servizos e alumnado que integran a Xunta de Facultade, a candidatura de Soto González recibiu o voto favorable das 14 persoas participantes.

Un intre das votacións, este luns na Xunta de Facultade. DUVI

Docente da Facultade de Fisioterapia desde o ano 2005, cando se incorporaba ao centro como profesora asociada de Ciencias da Saúde, Soto González amosaba a súa satisfacción pola "confianza recibida" nesta votación, incidindo na importancia de contar co "respaldo da Xunta de Facultade para poder realizar o proxecto que temos en mente", dentro do que sinala como obxectivo "máis inmediato" tratar de impulsar un programa de doutoramento na facultade. 

Potenciar a investigación e a internacionalización

Na intervención previa ás votacións, Soto incidiu na importancia que ten para o funcionamento do centro a implicación tanto do persoal docente e investigador, como de administración e servizos. "Pensamos que a facultade está nun bo momento e iso é froito da colaboración de todos", salientou a decana, que lembrou que o centro logrou nos últimos meses tanto completar a acreditación do Grao en Fisioterapia como o certificado Fides-Audit á implantación do Sistema de Garantía de Calidade, o que lle valeu que fose recoñecida pola Universidade de Vigo co selo Q, unha distinción propia da institución académica.

No referido ao persoal docente e investigador, Soto destacou que o equipo decanal continuará traballando "por novas contratacións e conseguir un equipo estable", á vez que lembrou que a facultade conta actualmente "persoal novo, con gran proxección", que vai resultar clave, sinalou, nun ámbito no que "aínda nos queda por mellorar", como é a potenciación da investigación. Neste eido, engadiu, resulta "imprescindible" o impulso dun "programa de doutoramento propio, no que xa estamos traballando", posto que. Lembrou, a UVigo non conta actualmente cun doutoramento en Ciencias da Saúde. 

Así mesmo, Soto destacou como outro dos retos de futuro traballar no ámbito da internacionalización, "seguindo coa aposta da Universidade" por este eido, xa que esta, subliñou, podería "abrirnos novas portas tanto en materia de docencia, coa captación de alumnado de fóra, pero tamén de investigación". 

Finalmente, no referido ás instalacións, a decana sinalou que Fisioterapia conta "con bos equipamentos, pero quédansenos un pouco curtos". Por iso, aludiu á proposta efectuada da Xunta de Galicia de destinar a usos universitarios o actual Hospital Provincial, unha vez se completasen as obras do Gran Montecelo, e á posibilidade de que este edificio puidese acoller a Fisioterapia. "Estariamos encantados. Aínda está un pouco no aire, pero se iso se desenvolve, pensamos que pode ser unha opción interesante para que o noso desenvolvemento sexa moito maior, xa que permitiría desenvolver cuestións que agora mesmo non podemos e proxectar as nosas titulacións".

Comentarios