'Aquí cántase' cambia de ruta

A cantada colectiva, que organiza Maravallada e que se celebrará o 11 de agosto, modificará as súas paradas polo centro histórico ao coincidir co Festival Internacional de Jazz
Foto de grupo no ensaio xeral de 'Aquí cántase' que Maravallada realizou no barrio do Burgo. MARAVALLADA
photo_camera Foto de grupo no ensaio xeral de 'Aquí cántase' que Maravallada realizou no barrio do Burgo. MARAVALLADA

Sementeira e O estraperlo, de Fuxan os Ventos, son dous dos temas novos que se incorporaron ao repertorio deste ano da cantada colectiva polas rúas de Pontevedra Aquí cántase, que organiza a asociación cultural Maravallada e forma parte da programación de verán do Concello. "Sempre tratamos de incorporar algún tema novo, para ir variando", explica Mirta Díaz, da agrupación. "Pero evidentemente non faltará ningún dos clásicos, dende Catro vellos mariñeiros ata A Carolina. E, por suposto, Fisterra. Ningunha edición do Aquí cántase pode rematar sen Fisterra".

A gran novidade da quedada deste ano, que terá lugar o 11 de agosto, é a modificación do percorrido que Maravallada realiza xunto á veciñanza. É así debido á coincidencia co Festival de Jazz, que ocupa a Praza da Ferrería. "A actividade adoitaba a comezar aí e pasar por outras prazas céntricas como a da Leña. O que se fixo foi un cambio no roteiro habitual".

O encontro dará comezo ás 21.00 horas na Praza de Curros Enríquez. Desde alí irase ata a Praza do Teucro (21.45 horas). Despois pasarase por diante do Teatro Principal (22.30 horas), para rematar cara a medianoite na Praza de Santa María.

Este ano, ademais, pola tarde, a Treboada Virxe do Alivio de Tomiño percorrerá as rúas da cidade animando á xente a participar no Aquí cántase. "Unha treboada é un espectáculo musical de carácter festivo baseado na percusión".

"Para nós é emocionante ver como xente de fóra de Galicia tropeza coa cantada e se suma e nos pide que nunca deixemos de facer isto"

O músico Anxo Xesteira (Treixadura, SonDeSeu, etc.) volverá exercer como director musical desta proposta, que naceu en 2017 co obxectivo de axudar a recuperar e difundir a canción tradicional galega. Para ir quentando motores, Maravallada convoca á veciñanza de Pontevedra a facer ensaios, dende finais de maio, nos barrios do Gorgullón e do Burgo.

"Precisamente no Burgo celebramos o que foi o último ensaio xeral", conta Mirta Díaz. "Pero, como sempre, repartiremos un milleiro de folletos coas letras para que todo o mundo poida cantar con nós. Non hai que saber nada de música nin de canto, só hai que ter ganas de pasalo ben. Para nós é emocionante ver como incluso xente de fóra de Galicia tropeza coa actividade e se suma e nos pide que nunca deixemos de facer isto".

Comentarios