"Aquí faltan páxinas" pon en valor a figura de Carmen Babiano

O Museo acolleu onte o primeiro faladoiro da segunda edición do programa que busca "reescribir a historia e construír referentes"

Primeiro dos faladoiros do ciclo "Aquí faltan páxinas". RAFA FARIÑA
photo_camera Primeiro dos faladoiros do ciclo "Aquí faltan páxinas". RAFA FARIÑA

Carmen Babiano, "a artista na gaiola", pontevedresa pioneira na arte feminina de finais do século XIX, foi a primeira protagonista da segunda colección de "Aquí Faltan Páxinas", que arrancou o martes 27 no Museo de Pontevedra cun faladoiro a cargo de Beatriz de San Ildefonso, conservadora da entidade. O programa, que ao longo de todo este 2024, enxalzará a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, busca, como explicou no acto de presentación a responsable provincial de Igualdade, Sandra Bastos, "continuar escribindo as páxinas que lles faltan aos libros, porque aínda quedan por contar centos de historias de mulleres extraordinarias das que ninguén nos falou. A contribución das mulleres foi fundamental para o desenvolvemento da humanidade e por iso é unha obriga, un deber, reescribir a historia e construír referentes".

Nesta segunda edición de "Aquí Faltan Páxinas", e no marco do "firme compromiso" do Goberno provincial coa igualdade, "quixemos avanzar e dar pasos cara adiante e mellorar", asegurou Sandra Bastos. Así, por vez primeira participa unha muller viva, a fotógrafa Mary Quintero, e ponse en valor historias de mulleres anónimas, centrando o foco na importancia dos colectivos e na unión entre as mulleres, como foi o caso das leiteiras de Pontevedra ou das madriñas de San Simón. Ademais, e tamén como novidade, a Deputación aposta por espallar o programa cara o mundo rural, "abríndonos a novos concellos e espazos", con faladoiros que irán acompañados de podcasts que se poderán escoitar tanto na web da institución como en Ivoox e Spotify.

O primeiro dos faladoiros estivo protagonizado por Carmen Babiano Méndez-Núñez, "a artista na gaiola", pontevedresa pioneira na arte feminina de finais do século XIX, nun momento no que nas artes non se entendía o concepto da igualdade. A conservadora do Museo Beatriz de San Ildefonso foi a relatora da historia desta muller, nai das coñecidas irmás Mendoza, extraordinariamente culta, coñecedora de varios idiomas e cunha excelente formación musical.

Carmen Babiano foi, tal e como destacou Sandra Bastos, unha "extraordinaria muller, cun carácter activo, gran intelixencia e forte interese pola arte, a música e a cultura en xeral".