Aquí saltan "chispas"

O grupo de voces masculinas, que dirixe Merchi Tilve e que ensaia en Xeve, actúa este venres no ciclo Cantos de Taberna de Pontevedra

Algúns dos "chispas", durante un ensaio en Xeve, arredor da súa directora, Merchi Tilve. RAFA FARIÑA
photo_camera Algúns dos "chispas", durante un ensaio en Xeve, arredor da súa directora, Merchi Tilve. RAFA FARIÑA

Son 16 homes. Os máis novos teñen arredor de 20 anos. O maior, 86. Ensaian os xoves, ás 21.30 horas, na Casa de Cultura de Xeve. "As portas están abertas", di a única muller da agrupación, que é a súa directora, Merchi Tilve. "A verdade é que teño que dicir que eu, entre eles, síntome a raíña do mambo. É que me tratan súper ben. É risa todo o tempo". Os Chispas son unha desas agrupacións de música tradicional que naceron en Pontevedra a raíz do éxito do ciclo Cantos de Taberna. Este venres á noite actúan nel.

"A maioría dos cantos que temos preparados son picaróns, cousas alegres. Aínda que levamos algún tema moi coñecido pola xente que acude habitualmente aos concertos, a maioría son propostas diferentes", explica Tilve.

A directora, que se ocupa de elixir o repertorio e preparar o cadro de voces ("non cantan ao unísono, cantan en polifonía"), conta no aspecto musical coa axuda doutro mestre, José Manuel López Josele. "Porque nós actuamos con instrumentos".

Os Chispas comezaron a traballar sendo Os Chispas de Lérez, "porque empezamos ensaiando na casa da cultura desa parroquia", pero enseguida perderon o "apelido" porque no grupo había xente de todos os lados.

CORAIS. Merchi Tilve está tanto detrás do nacemento da agrupación como detrás do nome co que se bautizaron. "Eu levo moitos anos ensaiando con corais e foi nunha comida na que participaban integrantes de varios coros da que saíu a idea para un grupo de cantos de taberna". Ela tiña experiencia nese ámbito porque tamén traballa co grupo de cantareiras Madia Leva, de Meis. "Como sempre andaba a dicir que o que me faltaba era un grupo só de homes, comezaron a picarse e acabaron formándoo". Foi en 2016.

E decidiron renderlle unha homenaxe á directora co seu nome."Si, porque a min, dende sempre, como son pequena, menuda e moi eléctrica, me chaman chispa, chispiña, e de aí o colleron". Comezaron con música tradicional e cun repertorio alegre. "Con chispa, que menos".

Tilve recoñece que o éxito do ciclo que organiza Maravallada empurrou para a constitución do grupo. "De feito, moitos deles son asiduos aos concertos. Eu recoñezo que a iniciativa é fantástica", di. Os cantos de taberna están de moda. "A min chámame moitísimo a atención como non importa a idade. Mestúrase a xente nova coa xente maior sen ningún complexo, cantando todas aquelas pezas que se cantaban 40 anos atrás, nun ambiente moi bonito".

No Novo Viñedo e en La Casita

Os Chispas actúan este venres no ciclo Cantos de Taberna, que organiza a agrupación Maravallada dende hai sete anos co Concello. Entre as 21.00 e as 00.00 horas pasarán polos establecementos Novo Viñedo (rúa Serra) e La Casita (rúa Don Gonzalo).

Abril: a programación continuará o día 27 de abril, cando Vento Mareiro actuará no Saudade e no Timón.

Maio: a proposta rematará este ano coa actuación dos anfitrións, Maravallada, en dous locais emblemáticos de Pontevedra, o Reixas e a Navarra.

 

Comentarios