A Deputación custeará os 2 millóns da reforma do viario perimetral de Barcelos

O Pleno provincial aprobou por unanimidade o convenio co Concello para facerse cargo do investimento ▶ A idea é que as obras comecen no verán e o prazo de execución será de doce meses
VISTAS AÉREAS PLAZA BARCELOS (autor: M.B.)
photo_camera Estado actual da praza de Barcelos. M.B.

O Pleno da Deputación aprobou este venres por unanimidade o convenio de colaboración co Concello de Pontevedra para financiar a remodelación do viario perimetral da praza de Barcelos. En virtude a este acordo, a institución provincial achegará 2.071.876 euros para substituír a actual zona de lastros e crear un ámbito de preferencia peonil

Segundo explicou o vicepresidente provincial, César Mosquera, o convenio circunscríbese á colaboración que a Deputación fai de maneira específica coa Administración municipal capitalina (de igual xeito que fai coa de Vigo), polo que non entra nas liñas de subvencións comúns

A intervención está vinculada coa do convento de Santa Clara

O nacionalista, que tamén forma parte do Goberno local, destacou que este decidiu investir parte dos fondos provinciais que lle corresponden nestas obras, entre outras cousas, pola súa proximidade e relación co convento de Santa Clara, que ademais previsiblemente pasará a formar parte do Museo de Pontevedra. 

Engadiu que esta intervención proxectada na praza de Barcelos é "necesaria" posto que, despois de que se construíra o estacionamento soterrado hai case un cuarto de século, a praza foi remodelada, pero non así o seu perímetro, que leva "moitísimos anos sen refacer e xa é oportuno", dixo. 
Para iso, a Deputación fará a súa achega en dúas anualidades para financiar integramente as obras: aportará 1.208.594,33 euros no exercicio actual e outros 863.281 no ano 2023.

O Concello xa ten en marcha a adxudicación das obras

O prazo de execución será de doce meses e previsiblemente os traballos comezarán no verán, posto que o Concello pontevedrés ten xa en marcha a adxudicación. 

O novo perímetro da praza está concibido para favorecer os usos comerciais cunha ampliación das beirarrúas; os aparcamentos de servizos quedarán situados na banda contraria aos negocios; e o tráfico manterase cun único carril de entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e de saída cara a rúa Cobián  Roffignac, suprimindo a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a San Antoniño, conservando as actuais entradas e saídas do aparcamento soterrado. Tal e como sinalou Mosquera, será "unha intervención que permitirá unha reorganización do espazo público acorde cos principios e criterios da rede Ágora" da Deputación, "dotándoo dunha maior seguridade e accesibilidade".

Comentarios