A árbore do amor medra no campus

Alumnado do IES AXunqueira I inaugurou as visitas guiadas polo arboreto, nas que participarán 300 estudantes da cidade que poderán ver in situ conceptos adquiridos nas aulas

Begoña Camiña e Elena Álvarez exerceron de guías. Na imaxe, xunto ao ginkgo biloba onde se iniciou o paseo polo arboreto. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Begoña Camiña e Elena Álvarez exerceron de guías. Na imaxe, xunto ao ginkgo biloba onde se iniciou o paseo polo arboreto. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

CERCIS SILIQUASTRUM tamén é coñecido como a árbore do amor pola forma acorazonada das súas follas e a cor rosa das súas flores. Un destes exemplares atópase no campus da Xunqueira e forma parte do arboreto que a Vicerreitoría puxo en valor cunha base de datos en Google Maps, que fai posible ir identificando as características de 362 árbores, pertencentes a 54 especies de 28 familias, durante un percorrido de dous quilómetros.

Un grupo de escolares do IES A Xunqueira I abriu este martes unha serie de visitas guiadas polo arboreto, nas que participarán máis de 300 estudantes de Primaria e Secundaria ata finais de mes, grazas a un proxecto do Green Campus, que tamén inclúe unha unidade didáctica. "Esta iniciativa forma parte dun proxecto máis ambicioso, que é non só achegar o campus de Pontevedra á rapazada e á cidadanía, senón facer entender que este é un campus verde, da sustentabilidade e o medio ambiente", salientou o vicerreitor, Jorge Soto. Xunto ao director do Green Campus e Campus Crea, Carlos Souto, acompañou aos 36 alumnos de 1º e 3º da ESO no inicio da primeira das 13 visitas. "Os rapaces e rapazas de Pontevedra e da provincia poderán aprender o que é un espazo natural, un espazo que ten vida propia e que non se coñece", engadiu Soto.

Dous grupos do IES A Xunqueira I realizaron por primeira vez este percorrido por unha parte da ruta do arboreto, guiados polas estudantes Begoña Camiña e Elena Álvarez, bolseiras da Oficina de Medio Ambiente e do Green Campus, respectivamente. O percorrido completouse cunha entrega de diplomas e agasallos, que nos próximos días realizarán outros once grupos deste mesmo centro, dos IES A Xunqueira II e Luis Seoane e do CEIP A Xunqueira I. "Trátase de afianzar o Green Campus, unha actividade que entra dentro dese concepto de desenvolvemento da educación ambiental", engadiu Carlos Souto sobre unha iniciativa que se pretende "estabilizar ao longo do tempo" ademais de tratar de ampliala ao propio alumnado do campus.

Begoña Camiña fai de guía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O obxectivo, engade, é que os participantes poidan coñecer "a riqueza biolóxica que temos no campus, onde hai unha diversidade de árbores bastante interesante", e trasladar ao terreo os conceptos sobre botánica ou ciencias adquiridos nas aulas. "Que vexan na natureza, in situ, o que normalmente ven nos libros ou nas pantallas, que poidan achegarse ás árbores da súa contorna, é fantástico para eles", engadiu a profesora do IES A Xunqueira I Begoña Torres, que nesta xornada acompañaba ao primeiro grupo participante nesta actividade.

Esta serie de visitas compleméntanse cunha unidade didáctica que estará dispoñible nos vindeiros días na páxina do Green Campus, e que constitúe "unha guía na que se describen as especies máis representativas e máis interesantes do campus", na que se lles traslada tamén "dunha forma sinxela" conceptos sobre botánica, segundo explicou Souto.

Así mesmo, a unidade tamén lles propón aos escolares unha serie de preguntas e actividades e achégalles "ás principais especies de fauna que se poden atopar aquí, xa que a presenza de árbores favorece que haxa tamén paxaros ou insectos", apuntou Souto.

Tralo primeiro, un ginko biloba, viron a árbore do amor e un pradairo antes de seguir a ruta.